Cirrio unicolor
Plain swift | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() | |||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||
![]() Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
|
O cirrio unicolor[2] (Apus unicolor) é un cirrio de medio tamaño. Aínda que esta ave apodiforme é superficialmente similar á anduriña común ou á anduriña de cu branco, non está relacionado con ditas especies de paseriformes. A semellanza entre estes taxons débese a evolución converxente reflectindo os seus estilos de vida similares.
Os cirrios teñen patas curtas que só usan para gabear por superficies verticais. Nunca se pousan voluntariamente no chan, e pasan a maioría da súa vida no aire, alimentándose en insectos que capturan co bico. Beben en voo.
Os cirrios unicolores reprodúcense en colonias en cantís, pontes e edificios das illas Canarias e Madeira, poñendo dous ovos nun niño con forma de pratiño feito de inflorescencias pegadas con saliva. Son aves parcialmente migratorias, e moitos individuos parten para pasaren o inverno en África continental. Ata tempos recentes pensábase que pasaban o inverno na costa africana, mais estudos recentes indican que viaxan moito máis lonxe ata os bosques ecuatoriais de Liberia e Guinea, unha distancia de 2600 km. Tamén se cre que en pequenas cantidades se reproduce en Marrocos entre Agadir e Essaouira, onde se atopou unha colonia en cantís costeiros, e posiblemente tamén en Mauritania, onde hai frecuentes avistamentos.[3]
É unha especie de 14–15 cm de longo moi similar aos estreitamente emparentados cirrio eurasiático e cirrio pálido, que tamén viven nos arquipélagos, e a distinción só é posible se se poden ollar con claridade. Igual que os seus parentes, ten unha cola curta forcada e ás moi longas que lembran unha lúa crecente ou un búmerang.
É enteiramente escuro excepto por unha mancha na garganta clara e pouco definida. É máis delgado e máis elegante que o cirrio pálido, e é máis escuro que esa especie e carece dunha gorxa branca obvia.
Distinguir o cirrio unicolor do cirrio eurasiático coa súa plumaxe similar é moito máis difícil, aínda que o cirrio euasiático xove pode ser doadamente recoñecido pola súa gorxa branca. O cirrio unicolor é máis delgado e parece de ás máis longas que o eurasiático, e ten partes ventrais "escamosas", difíciles de ver se non se ten unha imaxe excelente. A chamada é un alto chío seco similar ao do cirio eurasiático, aínda que posiblemente máis agudo.
Notas
- ↑ BirdLife International (2017). "Apus unicolor" 2017: e.T22686806A119263428. doi:10.2305/IUCN.UK.2017-3.RLTS.T22686806A119263428.en.
- ↑ "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05.
- ↑ Norton, T., Atkinson, P., Hewson, C. & Eduardo Garcia-del-Rey, E. 2018. Geolocator study reveals that Canarian Plain Swifts Apus unicolor winter in equatorial West Africa. African Bird Club & Sociedad Ornitologica Canaria. 15 pp
- Swifts de Chantler e Driessens, ISBN 1-873403-83-6
Véxase tamén
Ligazóns externas
- Madeira Birds: Plain Swift