Dióxenes de Apolonia

Dióxenes de Apolonia
Nacemento460 a. C.
Lugar de nacementoSozopol
Falecementoséculo V a. C.xuliano
NacionalidadeSozopol
Ocupaciónfilósofo
editar datos en Wikidata ]
Filosofía grega
Presocráticos
Sofistas
Sócrates
Platón
Aristóteles
Epicureísmo
Estoicismo
Escepticismo
Cinismo

Dióxenes de Apolonia ou Dióxenes Apoloniates (en grego Διογένης Απολλωνιάτης), (c. 460) AEC, foi un filósofo grego orixinario de Apolonia, Creta.

Vida

Aínda que era de liñaxe dórica, escribiu no dialecto xónico, como todos os physiologi (filósofos físicos). Parece que non hai dúbidas de que viviu algún tempo en Atenas, onde se di que pasou a ser tan impopular (seguramente debido ao seu suposto ateísmo) que a súa vida perigou.

Pensamento

En Nubes de Aristófanes, os puntos de vista de Dióxenes transfírense a Sócrates. Como Anaxímenes, Dióxenes cría que o ar (pneuma) era a fonte de todo que existe, e que o resto de substancias derivan da súa condensación e rarefacción. Simplicio, na súa Physica, 25, 1, citando a Teofrasto, resumía a súa filosofía dicindo que "escribiu a maioría da súa obra recolléndoa en parte de Anaxágoras e en parte de Leucipo. Tamén el di que toda a natureza é ar, infinito e eterno, da cal por condensación, rarefacción ou mutación de calidade se producen o resto das cousas". O seu avance máis importante sobre as doutrinas de Anaxímenes é que declarou que o ar, a forza primeira, posuía intelixencia; o ar, como orixe de todas as cousas é necesariamente eterno, unha substancia imperecedoira, pero como alma está necesariamente dotado de consciencia.

O seu pensamento podería resumirse nestes catro puntos:

  1. Todas as cousas deben ser modificacións dun substancia básica
  2. A substancia básica contén intelixencia divina, a cal dirixe todas as cousas cara o mellor
  3. A intelixencia e a vida débense ao ar, que é a forma básica da materia
  4. O ar é divino e goberna todas as cousas; adopta formas diferentes segundo as variacións de calor, movemento...

Algúns comentaristas teñen considerado a Dióxenes un ateo, pero existen opinións diversas: Cicerón, no De natura deorum, di: O ar que Dióxenes considera deus, que sensibilidade pode ter ou que natureza divina? e Agostiño, no De Civitate Dei, VIII, 2, escribe: tamén Dióxenes, outro discípulo (xunto a Anaxágoras) de Anaxímenes, dixo certamente que o ar é materia das cousas da cal todas as cousas derivan, mais dotouna de natureza divina, porque sen ela non se podía derivar nada.

Obra

Pertencía á antiga escola xónica, cuxas doutrinas modificou coas teorías do seu contemporáneo Anaxágoras, aínda que evitou o seu dualismo. O seu traballo máis importante foi Sobre a natureza, do que se conservan fragmentos considerábeis. É posíbel (segundo Simplicio) que escribise tamén Contra os sofistas, Meteoroloxía e Sobre a natureza do home. Con todo, outros, como Diels, consideran que se trataba dun só libro que abarcaba diferentes temáticas.

Segundo Aristóteles, Dióxenes escribiu unha "precisa anatomía das veas" e outro escritor médico sinala que obtivo as súas opinións sobre o diagnóstico de enfermidades mediante a inspección da lingua e a cor do paciente. É posíbel, polo tanto, que Dióxenes fose un médico profesional que escribiu un tratado técnico sobre medicamento ao mesmo tempo que unha exposición xeral da súa teoría cósmica.

A maior parte das teorías de Dióxenes estaban tomadas, segundo Teofrasto, de Anaxágoras, Leucipo e Anaxímenes, aínda que é posíbel que entre as súas influencias tamén se conte Heráclito. A pesar do seu eclecticismo, Dióxenes elaborou unha teoría unitaria do mundo máis coherente, sinxela e explícita que as dos seus predecesores.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Kirk, Raven y Schofield (2003): Los filósofos presocráticos. Madrid: Editorial Gredos S.A. ISBN 84-249-1249-7