Epopea de Gilgamesh

A táboa sobre o diluvio da epopea de Gilgamesh, escrita en acadio (Museo Británico).
Relevo de Gilgamesh conservado no Museo do Louvre, París.

A Epopea de Gilgamesh, tamén coñecida como o Poema de Gilgamesh, é unha narración de orixe sumeria, na Mesopotamia, considerada como a narración escrita máis antiga da historia. Elaborouse mediante a escrita cuneiforme en táboas de arxila, o que favoreceu a súa conservación. A versión máis completa que se conserva consta de doce táboas, das cales once foron escritas cara a primeira metade do II milenio a. C. e a última, que constitúe unha narración independente das demais, cara á fin do I milenio a. C.

Ao comezo do poema, Gilgamesh é o despótico rei de Uruk, cuxos súbditos se queixan aos deuses, cansos da súa luxuria desenfreada, a cal o leva a forzar ás mulleres da cidade. Os deuses atenden esta petición creando a Enkidu, un home salvaxe destinado a enfrontarse a Gilgamesh. Pero cando ambos entraban en combate, no canto de darse morte fanse amigos para sempre e emprenden perigosas aventuras. Xuntos dan morte ao xigante Humbaba e ao Toro do Ceo, e Gilgamesh rexeita o amor da deusa Inanna. Como castigo a estes actos de impiedade, os deuses fan que Enkidu morra en plena mocidade. Impresionado pola desaparición do seu amigo, Gilgamesh emprende a procura da inmortalidade, a cal o leva até os confíns do mundo, onde viven o sabio Utnapishtim e a súa muller, únicos sobreviventes do Diluvio, aos que os deuses concederon o don que Gilgamesh pretende agora. Con todo, o heroe non alcanza o que pretende. No camiño de volta, atopa, seguindo instrucións de Utnapishtim, unha planta que devolve a mocidade a quen a toma; pero unha serpe róuballa e Gilgamesh volve a Uruk coas mans baleiras, convencido de que a inmortalidade é patrimonio exclusivo dos deuses.

O núcleo sentimental do poema atópase no dó de Gilgamesh trala morte do seu amigo. Os críticos consideran que é a primeira obra literaria que fai énfase na mortalidade humana fronte á inmortalidade dos deuses. O poema inclúe unha versión do mito do diluvio universal.

Orixe

Orixinariamente, a obra coñecíase co título Sha naqba īmuru (Aquel que viu as profundidades) ou Shūtur eli sharrī (Por riba de todos os outros reis), versos tomados do inicio da obra que aluden á natureza excepcional de Gilgamesh.

O poema escribiuse en táboas de arxila empregando a escritura cuneiforme cara aos anos 2500-2000 a. C. Ademais desta versión en lingua sumeria, que presenta moitos ocos debidos á súa deficiente conservación. Consérvanse versións posteriores, tamén fragmentarias en lingua acadia e hitita. As edicións e traducións modernas da obra incorporan este material para complementar os espazos baleiros da versión sumeria.

A versión máis completa da que se dispón actualmente procede da biblioteca do rei asirio do século VII a. C. Assurbanipal en Nínive, quen procurou coleccionar copias de todos os documentos escritos no mundo que el coñeceu. Consiste nun conxunto de doce táboas de arxila. As once primeiras narran a Epopea de Gilgamesh e a duodécima contén un poema independente sobre a baixada de Gilgamesh aos infernos.

O texto non separa os versos, mais polo ritmo calcúlase que pode ter uns 3500.[1]

Os expertos opinan que a orixe cómpre procurala nunha serie de poemas sobre o heroe e rei mitolóxico Gilgamesh, que puido existir realmente e ser un monarca sumerio do Segundo Período Dinástico Inicial (século XXVII a. C.). Algunhas destas lendas foron narradas en verso e os poema resultantes se artellaron nun poema máis extenso.

Argumento

O poema trata das aventuras do rei Gilgamesh, tamén coñecido coma Istubar, e o seu amigo Enkidu. Xira en torno a dúas temáticas principais, a procura da gloria e a procura da inmortalidade, dominantes nas seis primeiras e nas seis últimas táboas, respectivamente.

A historia principia coa presentación do rei Gilgamesh de Uruk, o meirande Rei divino que, conta a narración, existiu. A súa severidade provoca que a deusa Ninhursag cree ao home salvaxe Enkidu, quen se dedica a amolar aos pastores. O rei envíalle á prostituta sagrada Shamhat, quen civiliza a Enkidu.

Enkidu e Shamhat casan, e Gilgamesh acode á voda coa intención de facer valer o seu dereito de pernada, mais Enkidu resístese o que provoca a loita entre os dous personaxes. Finalmente, reconcílianse e Gilgamesh convence a Enkidu para viaxaren xuntos ao bosque para mataren ao xigante Humbaba e adquiriren así a gloria.

Na segunda parte, a da procura da inmortalidade, Enkidu enferma e, moribundo, descende aos infernos. Gilgamesh compadécese del e emprende unha perigosa viaxe para visitar os dous únicos seres humanos que sobreviviron ao Diluvio universal, Utnapishtim e a súa dona. O sobrevivente rétao a permanecer esperto seis días e sete noites se quere a súa axuda, pero nada máis remata de lle facer a proposición, Gilgamesh fica durmido. Derrotado, emprende o regreso a Urk, non sen antes de que Utnapishtim lle fale de certa planta do fondo do océano que o fará novo outra vez.

Versión «estándar»

A versión «estándar» atopouse na biblioteca de Asurbanipal, foi escrita en babilonio estándar, un dialecto da lingua acadia que só se usaba con fins literarios, e utiliza un tipo de métrica bastante parecida á métrica hebraica, fundada no paralelismo semántico, aínda que tamén posúe elementos de métrica cuantitativa. O verso está xeralmente dividido en dous hemistiquios que reiteran a mesma idea expresada de dúas formas distintas.[2]

Esta versión foi estandarizada por Sin-Liqe-Unninni entre o 1300 a. C. e o 1000 a. C. con base nunha versión máis antiga que a oficial. Esta complementación mediante cambio ou engadido de fragmentos era un proceso común na época e o Poema de Gilgamesh non foi a excepción.[3]

A versión estándar e a acadia previa diferéncianse na introdución, ou íncipit. A versión máis antiga comeza coas palabras: «Excedendo a todos os demais reis», mentres que na estándar di: «El que vía o profundo» (ša nagbu amāru). A palabra acadia nagbu, 'profundo', neste caso probablemente fai referencia a certos «misterios». No entanto, Andrew George considera que se refire a algún coñecemento específico que Gilgamesh trouxo da súa reunión con Utnapishtim; el gañou o coñecemento no reino de Ea, cuxo reino cósmico é a fonte da sabedoría.[4] En xeral, crese que Gilgamesh adquiriu o coñecemento para vivir unha boa vida: como adorar aos deuses, por que é necesaria a morte para os humanos, que fai bo a un rei e como vivir unha boa vida. A táboa XI contén o mito do diluvio que foi copiado na súa maior parte da épica de Atrahasis.[5]

A táboa XII é un apéndice do poema épico, unha secuela da XI e probablemente engadida en data posterior, polo cal foi omitida até anos recentes. Ten a inconsistencia narrativa de presentar a Enkidu vivo, e ten pouca relación coa ben argumentada táboa XI. De feito, o poema ten unha estrutura circular na cal as liñas iniciais cítanse na táboa XI para dar, xunto co final, a idea dun ciclo. A táboa XII é máis ben unha copia dun conto anterior no cal Gilgamesh envía a Enkidu a recuperar algúns dos seus bens ao inframundo, Enkidu morre e regresa como espírito para contarlle ao rei a natureza do inframundo. Este evento parece superfluo dado que na táboa VII Enkidu tivo xa un soño no que se lle revelou como é ese lugar.[6]

Contido das táboas

A obra xira ao redor de dúas temáticas, as primeiras seis táboas describen a procura da gloria e as restantes a procura da inmortalidade.

Procura da gloria

Se caio, conquistaría a fama.
A xente dirá: Gilgamesh caeu
loitando contra o fero Humbaba!...
Estou decidido a penetrar no bosque dos cedros.

Táboa III, columna 4
Táboa V da Epopea de Gilgamesh.
Reverso da táboa V da "Epopea de Gilgamesh". Actualmente atópase no Museo de Sulaymaniyah, Iraq.
  1. A historia comeza coa presentación de Gilgamesh de Uruk, o maior rei da Terra, dúas terceiras partes deus e unha humano, o máis forte rei-deidade que xamais existira. A introdución describe a súa gloria e triunfos, así como os muros de ladrillo da cidade. A xente na época de Gilgamesh, con todo, non era feliz. Queixábanse de que el era demasiado severo e abusaba do seu poder durmindo coas mulleres antes que os seus esposos (dereito de pernada); entón, a deusa da creación, Ninhursag, creou ao home semi salvaxe Enkidu, que comezou a molestar aos pastores. Cando un deles se queixou ante Gilgamesh, o rei envioulle á muller chamada Shamhat, unha prostituta sacra (nadītu en Sumeria ou hieródula en Grecia). O contacto con ela civiliza a Enkidu ao grao de que tras varias noites, xa non é unha besta máis entre os animais. Mentres tanto, Gilgamesh ten estraños soños que a súa nai Ninsun explícalle dicindo que virá a el un gran amigo.
  2. Enkidu e Shamhat saen do ermo para casar en Uruk. Cando Gilgamesh acode ao festexo para durmir con Shamhat, atopa as súas intencións frustradas por Enkidu. Eles loitan e, tras unha gran batalla, Gilgamesh presenta a Enkidu á súa nai e faino parte da súa familia porque el non ten unha propia. Entón Gilgamesh proponlle viaxar ao bosque para adquirir gloria cortando algunhas grandes árbores e matando o demo Humbaba. Enkidu non está de acordo, pero Gilgamesh logra convencelo.
  3. Gilgamesh e Enkidu prepáranse para a aventura no bosque. Gilgamesh informa á súa nai, que se queixa, pero pide axuda ao deus-sol Shamash e dálle a Enkidu un consello.
  4. A viaxe dos amigos ao bosque. No camiño, Gilgamesh tivo cinco pesadelos, pero dadas as condicións físicas desta táboa, o seu contido é difícil de reconstruír. Enkidu explícalle os soños como un bo presaxio, pero cando chegan ao bosque está asustados e teñen que animarse entre eles.
  5. Cando os heroes finalmente chegan ante Humbaba, o garda das árbores, o monstro comeza a ofendelos. Esta vez, Gilgamesh é quen está asustado, pero despois dalgunhas palabras valentes de Enkidu a batalla comeza. A súa cólera separa as montañas Sirara do Líbano.[Cómpre referencia] Finalmente Shamash envía os seus trece ventos para axudar aos dous heroes, Humbaba é vencido e rógalle a Gilgamesh pola súa vida. El compadécese, pero Enkidu moléstase e pídelle que mate á besta. Humbaba vólvese a Gilgamesh e pídelle que convenza ao seu amigo de perdoarlle a vida. Cando Enkidu repite a petición a Gilgamesh, Humbaba maldíceos. Os heroes cortan unha enorme árbore, Enkidu fai con ela unha gran porta para os deuses. Constrúen unha balsa e regresan a casa a través do Éufrates coa árbore xigante.
  6. Gilgamesh rexeita as insinuacións sexuais da deusa Ishtar porque ela tivo antes outros amantes, como Dumuzi. Ishtar pídelle ao seu pai, Anu, que lle mande o "Touro do Ceo" para vingar o rexeitamento. Cando Anu rexeita facelo, Ishtar ameaza con levantar aos mortos. Anu teme e cede. O "Touro do Ceo" é unha praga para as terras. Aparentemente a criatura ten algunha relación coa seca, porque de acordo coa historia a auga desaparece e a vexetación sécase. Como queira que sexa, Gilgamesh e Enkidu, esta vez sen axuda divina, derrotan á besta e ofrécenlle o seu corazón a Shamash. Cando escoitan a Ishtar chorar, Enkidu separa o cuarto traseiro do touro e lánzallo ao rostro para amedrentala. A cidade de Uruk celebra a vitoria, pero Enkidu ten un pesadelo, que se describe na táboa seguinte.

Procura da inmortalidade

Onde vas, Gilgamesh?
A vida que ti buscas

nunca a atoparás.
Táboa X, columna 1
George Smith, o home que transcribiu e leu a chamada "Historia da inundación de Babilonia" da táboa XI.
7. No soño de Enkidu, os deuses pensan que alguén debe ser castigado pola morte do "Touro do Ceo" e de "Humbaba" e deciden facer pagar a Enkidu. Isto vai contra o desexo de Shamash. Enkidu conta iso a Gilgamesh e maldí a porta que fixo para os deuses. Gilgamesh está consternado e vai ao templo a rezarlle a Shamash pola saúde do seu amigo. Enkidu comeza a lamentarse de Shamash porque agora arrepíntese do día en que se converteu en humano. Shamash fálalles desde o ceo e failles ver como de inxusto é Enkidu, dilles que Gilgamesh converterase nunha sombra do seu antigo ser debido á súa morte. Enkidu retráctase do dito e bendí a Shamash. No entanto, enferma cada vez máis e, moribundo, describe o inframundo.
8. Gilgamesh laméntase por Enkidu e ofrece agasallos aos deuses para que camiñen á beira de Enkidu no máis aló.
9. Gilgamesh procura evitar o destino de Enkidu e emprende unha perigosa viaxe para visitar a Utnapishtim e á súa esposa, os únicos seres humanos que sobreviviron "a gran inundación" (o diluvio) e a quen lles foi concedida a inmortalidade polos deuses, coa esperanza de obtela tamén. Ao longo do camiño, Gilgamesh pasa as dúas montañas desde onde o Sol se ergue, custodiadas por dous seres-escorpión que lle permiten seguir. Viaxa a través da escuridade, por onde o Sol viaxa cada noite e xusto antes de que o Sol o atope, chega ao final. A terra ao final do túnel é un lugar marabilloso, cheo de árbores cuxas follas son xoias.
10. Gilgamesh reúnese con Siduri e dille o propósito da súa viaxe. Siduri fracasa ao tentar disuadilo, pero envíao a Urshanabi para axudarlle a cruzar o mar a Utnapishtim. Urshanabi estaba en compañía de certo tipo de xigantes de pedra que Gilgamesh considerou hostís e matounos. Cando lle narra a súa historia a Urshanabi e lle pide axuda, Urshanabi dille que xustamente matou as únicas criaturas capaces de cruzar as Augas da morte. Esas augas non deben ser tocadas, polo que Urshanabi dille que corte 120 remos para atravesar a auga. Finalmente chegan á illa de Utnapishtim, quen nota algo raro no barco e pregunta a Gilgamesh respecto diso. Gilgamesh cóntalle o ocorrido e pídelle axuda, pero Utnapishtim repréndeo porque combater o destino dos humanos é inútil e arruína a alegría da vida.
11. Gilgamesh sostén que Utnapishtim non é diferente del e pregúntalle pola súa historia, por que el ten un destino diferente. El cóntalle sobre «a gran inundación»; a súa historia é un compendio da historia de Atrahasis, salvo as pragas enviadas polos deuses. remisamente, ofrécelle a Gilgamesh unha oportunidade para a inmortalidade, pero pregunta por que os deuses deberían dar a mesma honra que a si mesmo, o heroe da inundación, a Gilgamesh, e rétao a permanecer esperto por seis días e sete noites. No momento xusto en que Utnapishtim termina de dicilo Gilgamesh queda durmido. Utnapishtim búrlase do sono de Gilgamesh ante a súa esposa e dille que enfornee unha barra de pan por cada día que durma, para que Gilgamesh non poida negar o seu erro. Cando Gilgamesh, despois de seis días e sete noites descobre o seu fracaso, Utnapishtim mándao de regreso a Uruk con Urshanabi, exiliado. No momento en que marchan, a esposa de Utnapishtim pídelle que teña compaixón de Gilgamesh pola súa longa viaxe. Utnapishtim menciónalle a Gilgamesh certa planta do fondo do océano que o fará mozo de novo. Gilgamesh obtén a planta atando rochas aos seus pés, para poder camiñar no fondo do mar, pero non confía no seu efecto e decide probalas nun home vello en Uruk. Desafortunadamente, pon a planta na beira do lago mentres se baña e é roubada por unha serpe que perde a súa vella pel e renace. Gilgamesh chora en presenza de Urshanabi, pola inutiliidade dos seus esforzos porque agora perdeu toda posibilidade de inmortalidade. Regresa a Uruk, onde a vista das súas enormes murallas faino alabar este traballo duradero.
12. O contido da última táboa non se conecta ben co anterior. Gilgamesh dóese ante Enkidu de que o seu xogo caeu no inframundo e el ofrécelle traelo de volta. Encantado, Gilgamesh dille a Enkidu o que debe e o que non debe facer no inframundo para poder volver. Enkidu esquece o consello e fai todo o que se lle advertiu non facer, por tanto, o inframundo reteno. Gilgamesh pide aos deuses que lle devolvan ao seu amigo. Enlil e Sin non se molestan en responderlle, pero Enki e Shamash deciden axudarlle. Shamash fai un foxo na Terra e Enkidu sae por aí. A táboa termina con Gilgamesh preguntándolle a Enkidu sobre o que viu no inframundo. Non queda claro se Enkidu reaparece na historia como espírito ou se volve á vida.

Versión en babilónico antigo

Todas as táboas, agás a segunda e a terceira, proveñen de distintos orixinais e polo tanto a síntese argumental faise con base en diferentes versións:

  1. Táboa perdida.
  2. Gilgamesh cóntalle á súa nai Ninsun dous pesadelos. Ela explícalle que poden significar que virá un amigo a Uruk. Mentres, Enkide e a súa muller (aquí chamada Shamshatum) fan o amor. Ela civilízao mediante o ofrecemento de comida humana. Enkidu axuda aos pastores a coidar as ovellas. Viaxan a Uruk para casar, mais Gilgamesh reclama o privilexio de durmir con Shamshatum antes. Enkidu e Gilgamesh combaten ata que Gilgamesh abandona a liorta. Enkidu louba a Gilgamesh como persoa especial.
  3. A táboa está rota, mais parece que Gilgamesh propuxo ir ao bosque das cerdeiras para cortar árbores e matar a Humbaba. Enkidu protesta porque coñece a Humbaba e é consciente do seu poder. Gilgamesh trata de dar valor a Enkidu con palabras valorosas. Comeza a preparación da viaxa e chaman os máis vellos. Eles protestan tamén, mais despois de escoitar a Gilgamesh deséxanlle sorte.
  4. Unha (?) táboa perdida.
  5. Os fragmentos de táboas de dúas versións distintas narran como Enkidu anima a Gilgamesh para matar a Humbaba. Cando Gilgamesh o fai, cortan árbores e atopan a morada de Annunaki. Enkidu fai unha porta de madeira para Enlil e déixaa aboiar sobre o Éufrates.
  6. Táboas perdidas.
  7. Gilgamesh discute con Shamash a inutilidade da proba. A táboa está danada, logo aparece Gilgamesh falando con Siduri sobre a proba e sobre a súa viaxe para ver a Ut-Napishtim (aquí chamado Uta-na’ishtim). Siduri interrógao sobre os seus propósitos. Outro oco no texto. Gilgamesh destrúe as criaturas de pedra e fala con Urshanabi (aquí Sur-sunabu). Tras unha breve discusión Sur-sunabu indícalle a Gilgamesh que corte 3000 remos para cruzar as augas sen as criaturas de pedra. O resto da táboa está danada.
  8. Táboa(s) perdida(s).

Poemas sumerios

Hai cinco historias existentes de Gilgamesh en forma de poemas antigos en sumerio. Probablemente circulaban independentemente, en lugar de ter a forma dunha epopea unificada. Algúns dos nomes dos personaxes principais nestes poemas difiren lixeiramente dos nomes acadios posteriores; por exemplo, "Bilgamesh" está escrito en lugar de "Gilgamesh", e hai algunhas diferenzas nas historias subxacentes, como o feito de que Enkidu é o servente de Gilgamesh na versión sumeria:

O señor da Montaña do Vivente e Hei, hurra! corresponden ao episodio de "Bosque dos Cedros" (que na versión estándar cóntanse nas táboas II - V). Gilgamesh e Enkidu viaxan con outros homes ao bosque dos cedros. Alí, atrapado por Humbaba, Gilgamesh engánao (coa axuda de Enkidu nunha das versións) para que abandone as súas auras, perdendo así o seu poder.

O Heroe en Batalla corresponde ao episodio do "Toro no Ceo" (na versión estándar atópase na táboa VI) na versión acadia. O apetito voraz do touro causa seca e dificultades na terra mentres Gilgamesh dáse un festín. Lugalbanda convénceo de enfrontarse á besta e loita xunto a Enkidu. Os enviados de Akka non teñen un episodio correspondente na epopea, pero os temas de se mostrar misericordia aos cativos e o consello dos anciáns da cidade tamén aparecen na versión estándar da historia de Humbaba. No poema, Uruk enfronta o asedio das tropas de Kish dirixidas polo seu rei Agga, a quen Gilgamesh derrota e perdoa.

Neses días, neses días afastados, tamén coñecidos como Gilgamesh, Enkidu e o Inframundo, é a fonte da tradución acadia incluída como táboa XII na versión estándar, que conta a viaxe de Enkidu ao Inframundo. Tamén é a principal fonte de información para o mito da creación sumeria e a historia de "Inanna e a árbore Huluppu".

O gran touro salvaxe está deitado, un poema sobre a morte, sepultura e consagración de Gilgamesh como un semideus, reinando e xulgando aos mortos. Despois de soñar con como os deuses deciden o seu destino despois da morte, Gilgamesh toma consello, prepara o seu funeral e ofrece agasallos aos deuses. Unha vez falecido, entérrano baixo o Éufrates, desviando o seu curso e logo devolvéndoo.

Temas

Gilgamesh é un personaxe dos chamados redondos porque evoluciona ao longo da narración. Primeiramente busca o poder a calquera prezo, quere satisfacer os seus desexos de maneira egoísta, sen ter en conta ningún límite, nin moral. Peca por tanto de hybris e por iso é castigado, un tema clásico nas literaturas antigas. Posteriormente, a partir da morte de Enkidu, busca a inmortalidade, como fan os guerreiros e cabaleiros a través das súas xestas (as primeiras aventuras buscaban a fama). Pero na súa viaxe iniciática acaba aprendendo a inutilidade desta procura, posto que é consustancial ao ser humano ser mortal. Asumir esta realidade o faculta para ser un bo rei (hai que remarcar que o protagonista deste poema ten unha base histórica nun monarca existente).

Tamén se interpretou que Gilgamesh é como o sol, que percorre os doce signos astrolóxicos ou os doce meses do ano (hai 12 táboas ou partes) e que, como o astro, ten un momento de ascenso e brillantez para acabar decaendo. É precisamente ao deus Sol Shamash a quen invoca a súa nai antes de bendicir a marcha dos heroes. Representaría a forza da luz contra Enkidu, que sería o representante da escuridade, no dualismo oriental característico. Enkidu nace do barro, como pasará noutros mitos de creación, como o bíblico, onde os deuses modelan o home a partir de materiais terreais. Esta dualidade será explorada noutras parellas da literatura posterior[7] e tamén aparece no mesmo protagonista, posto que o rei ten unha parte divina e outra humana.

A amizade que une os dous homes transfórmaos:[8] Enkidu logra a civilización e Guilgameix suaviza o seu temperamento. As mulleres, en cambio, ocupan un lugar subordinado á trama, a pesar da importancia da deusa do amor como símbolo de orde mundial. Líganse sempre ao sexo, como a prostituta que inicia Enkidu ou as vítimas de violación que fan desatar a cólera divina.

Os soños premonitorios e as interpretacións que fan ao espertar xogan un importante papel para que a trama avance. Esta importancia dos soños está presente a outras moitas historias de ámbito oriental.

A oposición da humanidade e coa natureza é un tema recorrente: Gilgamesh respecto a Enkidu (proveniente do mundo natural), Humbaba (gardián do Bosque de Cedros), os seres escorpión (gardiáns da porta que protexe o sol) e Siduri (o viñateiro dos deuses que protexe a el mesmo e ás viñas de Gilgamesh).[9] O tema da oposición da humanidade e a natureza, concretamente os bosques, interpretouse que ten relación co alto valor da madeira, extraída dos cedros do actual Líbano, para os sumerios debido á talla de bosques pola expansión da agricultura.[10]

Influencia na literatura posterior

Segundo o investigador grego Ioannis Kordatos, hai un gran número de versos paralelos, así como episodios e temas que indican unha influencia importante da epopea na Odisea de Homero.[11]

Tamén se argumentou[12] que existe influencia deste poema nalgúns dos capítulos da Biblia (parte da cal se redactou na época do cativerio dos xudeus en Babilonia, arredor do século VI a. C.). A Torre de Babel ou a meretriz de Babilonia son supostamente os elementos máis claramente tomados pola tradición hebrea do poema babilónico, xunto cos dous grandes mitos: o diluvio universal, do que escapou un escollido dos deuses, e o feito de que unha planta que pode outorgar a xuventude élle roubada á humanidade, o que garda un paralelismo co episodio de Adán e Eva.

Dado que o mito de Gilgamesh data de arredor do 1300 a. C. (probablemente maior, pois esta é a data da compilación acadia) pode pensarse que os relatos da Biblia están inspirados neste mito e non ao contrario. Este punto foi debatido a comezos do século XX.

Versións modernas

A totalidade das táboas que se conservan da biblioteca de Assurbanipal, unhas 25.000 en total, atópanse no Museo Británico e foron traducidas por George Smith a partir de 1872. En 1984 traduciuse o poema ao inglés coa axuda do escritor John Gardner. En castelán existe a tradución de Fabián Chueca Crespo, La epopeya de Gilgamesh, publicada no 2008 pola editorial Random House Mondadori, a partir da versión inglesa de 1999 de Andrew George.

Notas

  1. «Literatura antigua» Arquivado 16 de outubro de 2014 en Wayback Machine., monografía no sitio web Yurirense. Páx. 6.
  2. Jean Bottéro, La epopeya de Gilgamesh: el gran hombre que no quería morir, Madrid: Ediciones AKAL, 2004, p. 48, nota https://books.google.es/books?id=Oj62OIAfhzgC&dq=m%C3%A9trica+gilgamesh&hl=es&source=gbs_navlinks_s
  3. Mason, 1970, páx. 98.
  4. George, 1999, páx. 50 da introdución
  5. Tigay, 1982.
  6. Gilgamesh the 12th Tablet Arquivado 13 de febreiro de 2017 en Wayback Machine..
  7. Kenneth Rexroth, Recordando a los clásicos, México, Fondo de Cultura Económica, 1993, p.11.
  8. SparkNotes Editors. “SparkNote on The Epic of Gilgamesh.” SparkNotes LLC. 2004.
  9. Shmoop University, ed. (2008). "The Epic of Gilgamesh Theme of Man and the Natural World". Shmoop. Arquivado dende o orixinal o 03 de abril de 2017. Consultado o 2 de abril de 2017. 
  10. Elliott, C. "Paradigmas de conservación forestal". Unasylva 187. Arquivado dende o orixinal o 11 de abril de 2017. Consultado o 18 de maio de 2020. 
  11. Ioannis Kakridis: «Eisagogi eis to Omiriko Zitima» En: Omiros: Odysseia. Editado con comentarios de Zisimos Sideris, Daidalos Press, I. Zacharopoulos Athens.
  12. Heidel, Alexander. The Gilgamesh Epic and Old Testament Parallels: A translation and interpretation of the Gilgamesh Epic and related Babylonian and Assyrian documents. Chicago: U. of Chicago Press, 1946; 2ª edición, 1949. ISBN 0-226-32398-6.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas