Fouga CM.170 Magister

Fouga CM.170 Magister
Tipoadestrador
FabricanteFouga
Primeiro voo23 de xullo de 1952
Introducido1956
Principais usuariosForza Aérea de Francia
Forza Aérea de Israel
Luftwaffe
Forza Aérea de Finlandia
Unidades construídas929
VariantesFouga CM.175 Zéphyr

O Fouga CM.170 Magister é un adestrador a reacción bipraza francés dos anos 50 desenvolvido e fabricado polo construtor francés Fouga. Debido a fusións industriais o avión foi coñecido como Fouga CM.170 Magister, Potez (Fouga) CM.170 Magister, Sud Aviation (Fouga) CM.170 Magister e Aérospatiale (Fouga) CM.170 Magister, dependendo de onde e quen o construíse.

En 1948 comezou o desenvolvemento en Fouga dun novo avión de adestramento primario que aproveitaría a tecnoloxía de propulsión a chorro recentemente desenvolvida. O deseño inicial foi avaliado pola Forza Aérea de Francia e, en resposta á súa determinación de que o avión carecía de potencia suficiente para os seus requisitos, agrandouse e adoptou un par de turborreactores Turbomeca Marboré. O avión voou por vez primeira o 23 de xullo de 1952 e a primeira orde de produción recibíuse o 13 de xaneiro de 1954. Recibíronse pedidos de exportación que incluían acordos para producir o tipo baixo licenza en Alemaña Occidental, Finlandia e Israel. Ademais, o relacionado CM.175 Zéphyr era unha versión embarcada desenvolvida e fabricada para a Armada de Francia.

Aínda que foi principalmente operado como adestrador, o Magister tamén foi usado frecuentemente en combate como plataforma aérea de apoio próximo por varios operadores. O Magister combateu na guerra dos Seis Días, na guerra civil do Salvador, na guerra do Sáhara Occidental, e na Crise do Congo. No servizo francés o Magister foi finalmente substituído polo Dassault/Dornier Alpha Jet. Tras a súa retirada da Forza Aérea francesa algúns Magister foron mercados por pilotos privados nos Estados Unidos e dende entón són operados na categoría experimental.

Desenvolvemento

En 1948 os deseñadores Robert Castello e Pierre Mauboussin da construtora francesa Fouga comezaron a deseñar un novo adestrador primario a reacción,designado inicialmente CM.130, destinado á Forza Aérea de Francia como substituto do avión de pistóns Morane-Saulnier MS.475. A Forza Aérea revisou o proxecto e atopou que o avión carecía de potenciacos dous turborreactores Turbomeca Palas elixidos para o aparello;. En resposta, Fouga agrandou o deseño básico e equipouno cos máis potentes Turbomeca Marboré, mantendo a distintiva cola de bolboreta do planador Fouga CM.8, que fora usado por Fouga para experimentar cos motores a reacción.

En decembro de 1950 a Forza Aérea realizou un pedido por tres prototipos, e o 23 de xullo de 1952 o avión realizou o seu primeiro voo. En xuño de 1953 podíuse un lote de 10 avións de preprodución, seguido por un pedido inicial de 95 aparellos de produción o 13 de xaneiro de 1954.[1] En outubro de 1955 os 13 Magister de proprodución estaban completados, e o primeiro exemplar de produción estaba a piques de completarse. Tamén estaba programado para principios de 1956 o primeiro voo do CM.171, que funcionou como avión de probas para o previsto adestrador CM.195 con á en frecha e cola de bolboreta.[2]

Co obxectivo de fabricar o tipo, Fouga abriu unha nova planta de montaxe en Tolosa-Blagnac dentro dun complexo de nova construción.[3] Segundo a publicación de aviación Flight International, os pedidos de exportación recibidos tiñan prioridade sobre os pedidos realizados polo goberno francés; esta política permitiu que outros países adquirisen directamente o avión cun mínimo atraso entre a recepción dos pedidos e as entregas.[4]

A Aéronavale (armada francesa) decidiu adoptar un derivado embarcado do Magister, o CM.175 Zéphyr, que serviu como adestrador básico para aterraxes en cuberta e operacións embarcadas. Estes foron precedidos por dous prototipos de "proba de concepto" desigandos CM.170M Magister, que realizaron os seus primeiros voos en 1956 e 1957 respectivamente.

En 1960 máis de 350 Magister entraran en servizo con distintos operadores. Segundo Flight International, a produción dentro de Francia acadara un ritmo de cinco avións por mes, e agardábase que no país chegasen a producirse 600 unidades. O tipo tamén foi fabricado baixo licenza en Alemaña Occidental, Finlandia e Israel.[5] O primeiro cliente de exportación para o Magister foi Alemaña Occidental, que realizou un pedido inicial por 62 avións directamente a Fouga; outros 188 aparellos foron fabricados por Flugzeug Union Süd (un consorcio de Heinkel e Messerschmitt)[6] baixo licenza.[1] Ademais, o Magister tamén foi fabricado baixo licenza pola compañía finesa Valmet e pola israelí Israel Aircraft Industries (IAI). Como resultado deses acordos, 286 aeronaves fabricáronse baixo licenza.

A partir de 1960 produciuse unha versión mellorada, designada CM.170-2 Magister, que estaba impulsada por un motor Turbomeca Marboré IV máis potente. En 1962 rematou a produción do Magister en Francia, pero continuou en Finlandia ata 1967. O desenvolvemento do avión chegou ao seu fin cando a Forza Aérea francesa escolleu o Alpha Jet como o seu novo adestrador a reacción.

Notas

  1. 1,0 1,1 Taylor 1965, pp. 52-53
  2. "Aircraft Intelligence." Flight International, 7 de outubro de 1955. p. 582.
  3. "Fouga CM 170". pletav.free.fr. Consultado o 2022-05-28. 
  4. Smith 1954, p. 403
  5. "Military Aircraft of the World." Flight International, 8 de xullo de 1960. p. 69.
  6. Taylor 1961, p. 81


Bibliografía

  • Smith, Maurice A. (2 April 1954). "Fouga C.M.170 In The Air". Flight 65 (2358): 401–406. 
  • Taylor, John W. R. (1961). Jane's All the World's Aircraft 1961–62. London: Sampson Low, Marston & Company, Ltd. 
  • Taylor, John W. R. (1965). Jane's All The World's Aircraft 1965–66. London: Sampson Low & Marston Company, Ltd.