Limpeza étnica
O termo limpeza étnica designa diversas políticas hostís cara a un grupo étnico. Pode tamén designar a emigración forzada, a transferencia de poboacións, que pode chegar desde unha deportación até mesmo o xenocidio, dun grupo étnico, por razóns discriminatorias relixiosas, ideolóxicas e estratéxicas, ou unha combinación destas. [Cómpre referencia]
Esta definición, recente, implica, porén, dificultades graves de comprensión de certos conflitos contemporáneos, en particular as guerras iugoslavas, e cuestiona a posición dos que aínda ven, neste tráxico conflito, unha guerra "intercomunitaria" na cal as "supostas etnias" se "matarían entre elas". Induce en particular a unha amálgama entre guerras fratricidas (clásicas) e políticas xenocidas, comprobadas pola documentación existente. Non podemos pois descoidar a parte ideolóxica que hai en cualificar de "etnias" as nacións constituídas en Repúblicas e compostas, todas elas, de diversas minorías nacionais. A cuestión permanece aberta: debemos coñecer en que medida a linguaxe europea non está destinada a enmascarar a responsabilidade dos agresores, non recoñecidos como tales a día de hoxe pola Xustiza Penal internacional, que non é competente para xulgar a responsabilidade dos Estados.
Orixe da expresión
A expresión é a tradución literal do serbio etničko čišćenje, locución que apareceu en 1860 debida á pluma do escritor serbio Vuk Karadić (1787-1864) na súa monografía histórica fundamental sobre o "Consello de goberno serbio", formado en 1805 por Karadjordje cando o levantamento serbio contra os turcos. Nela utiliza o verbo "ocistiti" (limpar) para designar a expulsión e o exterminio das poboacións non serbias: "despois de que, en 1807, os serbios tomaron e limparon Belgrado dos turcos, o Consello trasladouse de Smederevo a Belgrado".[1]
O mesmo termo foi despois repetido por varios políticos serbios ao longo dos séculos XIX e XX:
- o ministro do Interior do principado de Serbia, Ilija Garasanin, en 1844, no seu plan Nacertanije, onde detalla o seu plan con vistas á creación da "Gran Serbia" sobre todo grazas aos desprazamentos forzados de poboacións;
- despois, o 7 de marzo de 1937 no informe titulado "Iseljavanje Arnauta",[2] de Vaso Cubrilović (1837-1990), político serbio que foi un dos conxurados do atentado de Saraxevo antes de ser ministro;
- así mesmo empregouse o 30 de xuño de 1941 en "Homogena Srbija" (Serbia homoxénea) do avogado serbio Stevan Moljević (1887-1967), que foi vicepresidente e despois presidente executivo do Comité central nacional dos chetniks, organización paramilitar dirixida por Draza Mihailović;
- finalmente, o coronel, logo xeneral, Draza Mihailović (1893-1946), que estaba á cabeza dos chetniks, utilizou sistematicamente o termo "limpeza étnica" nas súas instrucións, como o demostra a instrución nº 370, co carimbo de "moi confidencial", do Estado Maior de Montaña do Mando do Destacamento chetnik do Exército iugoslavo de data 20 de decembro de 1941:
Os obxectivos das nosas unidades son:(...) 2. A creación da Gran Iugoslavia e, no seu seo, da Gran Serbia, etnicamente pura, nas fronteiras de Serbia, Montenegro, Bosnia, Herzegovina, o Srem, o Banato e a Batchka;
(...) 4. A purificación do territorio do Estado de todas as minorías nacionais e dos elementos anacionais; 5. Arranxar as fronteiras comúns entre Serbia e Montenegro, e entre Serbia e Eslovenia, "limpando" o Sandjak da poboación musulmá, e Bosnia da poboación musulmá e croata; (...) 8. Nas comarcas "limpas" de minorías nacionais e elementos anacionais, efectuar a colonización con montenegrinos (...)
- Actuar, cunha parte das vosas forzas, a partir do val de Lim en dirección a Bijelo Polje-Sjenica, coa tarefa de "limpar" a pestífera poboación musulmá e albanesa.
- Unha parte das nosas forzas debe actuar en dirección a Metohija, por Cakor, coa tarefa de limpar, nesa dirección, o territorio de albaneses (...).[3]
Encóntrase igualmente o termo limpeza étnica nos informes do comandante serbio Pavle Djurisić ao xeneral Draza Mihailović, xefe do Estado Maior dos chetniks.
Así, escribe en febreiro de 1943:
A acción contra os musulmáns nos distritos de Pljevlja, Cajnice e Foca acabou. As operacións executáronse exactamente seguindo as ordes recibidas. O ataque comezou no momento previsto. (...) A resistencia do inimigo foi débil de principio a fin. (...) Na noite do 7 deste mes, os nosos destacamentos atinxiron as ribeiras do Drina e, de maneira xeral, os combates remataron ese día alá; entón comezou a "limpeza" (...) do territorio liberado. Todas as vilas musulmás foron completamente queimadas, até o punto de que ningún dos seus fogares quedou enteiro. (...) Durante a operación, procedeuse á aniquilación completa da poboación musulmá sen consideración de sexo e de idade. Vítimas: as nosas vítimas cífranse en 22 mortos, dos que 2 foron por accidente, e 32 feridos. Entre os musulmáns, ao redor de 1.200 combatentes e outras 8.000 vítimas: mulleres, anciáns e nenos.Informe moi confidencial do 13 de febreiro de 1943 do comandante Pav. P. Djurisić, comandante en xefe do Estado Maior dos Destacamentos chetniks de Lim e Sandjak, dirixido ao xefe do Estado Maior do mando supremo, Draza Mihailović.[4]
O termo franqueou as fronteiras dos Balcáns nos anos 1990 cando as guerras iugoslavas. Así, nun artigo titulado "La genèse du nettoyage ethnique", Hartmann di que a sinistra doutrina, xa preconizada durante a segunda guerra mundial, fora "adaptada" polo presidente actual da "nova Iugoslavia ", Sr. Cosić. Hartmann, correspondente de Le Monde en Belgrado, escribiu:
De feito, o que os serbios, principais acusados neste asunto, chaman "etničko čišćenje" tradúcese literalmente por "limpeza étnica". Evitando preconizar esta noción e facela unha doutrina oficial, utilízana en público só para acusar á parte contraria."La genèse du nettoyage ethnique", de Florence Hartmann, Le Monde, 30 de agosto de 1992.
A xénese en cuestión remóntase, de feito, moito máis atrás na historia, e converteuse nunha verdadeira ideoloxía durante a segunda guerra mundial (no curso da cal os historiadores falaron "da guerra dentro da guerra" para cualificar o que pasaba nos Balcáns), pasando esta a un contexto diferente: a parte que puxera en marcha a guerra devolveu o argumento contra os agredidos, o que induciu unha gran confusión e unha dificultade de comprensión que aínda permanece na actualidade, xerando un traumatismo verdadeiro entre as poboacións agredidas.[5]
Termos semellantes
Unha expresión similar foi utilizada pola administración nazi de Adolf Hitler para cualificar a deportación e despois o xenocidio de poboacións xudías nos campos de concentración : judenrein (literalmente purificado de xudeus). Outra expresión utilizada foi Judenfrei (literalmente liberado des xudeus), cualificativo empregado en agosto de 1941 por Harald Turner, alto comisario alemán (en Serbia), a propósito de Serbia e Belgrado, primeiro país e primeira capital de Europa Judenfrei.[6]. Turner atribúe o "mérito" ao celo da administración serbia, coa colaboración do xeneral Nedić.
Unha variante da limpeza étnica é o cambio de poboación, por exemplo, o que tivo lugar en 1923 entre Grecia, Turquía e Bulgaria (Tratado de Lausanne de 1923), coa aprobación das grandes potencias da época e da Sociedade de Nacións.
Historia
Os desprazamentos forzados de poboación foron abundantemente practicados xa desde a Antigüidade. Encóntranse relatados no Antigo Testamento. E os grandes Imperios, como o Asirio, Babilonio, Romano etc. paticaron a deportación de pobos conquistados.
En Europa, os xudeus foron expulsados de Inglaterra (1290), Francia (1306, 1322 e 1394), Hungría (1349–1360), Occitania (1394 e 1490), Austria (1421), España (1492), Portugal (1497), Rusia 1724, e de rexións de Alemaña en diferentes períodos. España expulsou a súa comunidade musulmá en 1502, e despois aos mouriscos (que eran musulmáns convertidos ao catolicismo) a partir de 1609.
A colonización tivo tamén a súa cota de limpezas étnicas en América (indios americanos), en Australia (aborixes) e en Suráfrica.
Os anos 1920 viron a expulsión dos gregos de Asia Menor e, de forma simétrica, dos turcos das illas gregas. O fenómeno repetiríase en Chipre en 1974.
A época moderna está marcada por limpezas étnicas como o xenocidio armenio, a Shoah, o xenocidio ruandés, as guerras de Iugoslavia, a guerra civil de Darfour, os masacres do Congo, as persecucións dos támiles en Sri Lanka...
De 1935 e 1938, Stalin deportou os polacos da Volinia oriental. Foi a primeira deportación étnica na historia da URSS (aínda que tales accións xa foran realizadas en varias ocasións na época dos tsares). Outros pobos seguíronlles, desde os alemáns do Volga aos chechenos, pasando polos tártaros de Crimea e os meskh, que foron deportados cara ao Casaquistán e non foron autorizados a volver ás súas rexións de orixe até a morte de Stalin.
A partir de xullo de 1941, os nazis planificaron sistematicamente o Lebensraum, (Ostsiedlung, colonización xermánica do leste) esencialmente en detrimento dos pobos eslavos. Esta organización de limpeza étnica denominouse Generalplan Ost ("Plan Xeral para o Leste").
En 1945 os soviéticos decidiron transportar masivamente ás poboacións de lingua e cultura alemás que vivían na Europa central e oriental lonxe das fronteiras da Alemaña posthitleriana, reducida ás catro zonas de ocupación, argumentando que a existencia destas minorías servira de pretexto á Alemaña nazi para xustificar a súa política expansionista.
A extensión cara ao oeste da URSS traduciuse tamén na expulsión cara a Siberia e o Casaquistán de numerosas poboacións estonas, letoas, lituanas dos Países Bálticos, polacos de Belarús e de Ucraína, romaneses de Besarabia e de Bucovina e gregos pónticos (do mar Negro), en total 2 800 000 persoas; outros tres millóns de polacos foron desprazados das rexións orientais de Polonia anexionadas pola URSS, cara ás rexións occidentais. (Véxase: Bugaï, Nikolaï F: Correspondance Joseph Staline - Laurent Beria: "Moi nado deportirovat" (cómpre deportalos). Revue Dokumenty, fakty, kommentarii. V tomo - Moscova, 1992.[7]
En 1962, como consecuencia da intransixencia dos europeos de Alxeria sobre as reivindicacións da maioría autóctona, e á desfeita política que seguiu, a FLN lanzou o slogan La valise ou le cercueil ("A maleta ou o cadaleito"), e o 99 % dos europeos abandonaron definitivamente a súa terra natal (os pied-noirs, pés negros). Este éxodo masivo emparéntase coa limpeza étnica na medida en que a ameaza a estas poboacións era efectiva, como o demostra a matanza do 5 de xullo de 1962 en Orán.
Desde finais dos anos 1980, certos autores, en particular entre os "novos historiadores" israelís, asimilan o éxodo palestino de 1948 á limpeza étnica.[8]
Notas e referencias
- ↑ A "limpeza étnica", Documentos históricos reunidos, traducidos e comentados por Mirko Grmek, Marc Gjidara e Neven Simac, Fayard, París, 1993.
- ↑ e_albanians pdf A expulsión dos albaneses[Ligazón morta] Dr. V. Cubrilović, A expulsión dos albaneses, memorando presentado o 7 de marzo de 1937 en Belgrado. (en inglés) Consultado o 21/12/2011.
- ↑ "Le nettoyage ethnique", op. cit, páxs. 212-224.
- ↑ Facsímile e tradución en "Le nettoyage ethnique", op. cit, páxs. 220-224
- ↑ Louise L. Lambrichs, Nous ne verrons jamais Vukovar, Paris, Philippe Rey, 2005 ; Id.,"L'effet Papillon", in L. L. Lambrichs, La littérature à l'épreuve du réel, Ed. Universitaires Européennes, Sarrebrück, 2010.
- ↑ C. R. Browning, Fateful months: essays on the emergence of the final solution, New York, Holmes and Meier, 1985, páxs. 42-44.
- ↑ Bugaï, Nikolaï F. "Godakh 30-50: narodov SSSR deportatsiya Voprosu" (Sobre a cuestión da deportación dos pobos na URSS entre os anos 1930 e 1950). Istoriia SSSR [Historia da URSS ], número 6, Moscova, 1989.
- ↑ Ilan Pappé, The Ethnic Cleansing of Palestine, 2007.
Véxase tamén
Bibliografía
- Rosière, Stéphane 2006): Le nettoyage ethnique. Terreur et peuplement. París: éditions Ellipses, col. "Carrefours Géographie/Les dossiers".