Nupel Global Racing
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/4/49/34._Rally_Islas_Canarias_-_El_Corte_Ingl%C3%A9s_2010_-_Sergio_Vallejo.jpg/220px-34._Rally_Islas_Canarias_-_El_Corte_Ingl%C3%A9s_2010_-_Sergio_Vallejo.jpg)
Nupel Global Racing foi un equipo privado de rally con sede en Lugo, que competiu entre 2007 e 2011 no Campionato de España de Rally e no Campionato Mundial S2000, acadando o título nas dúas competicións, con Sergio Vallejo no 2009 e con Xavi Pons en 2010. O equipo estaba patrocinado polo empresario lucense Jorge Dorribo, propietario da compañía farmacéutica Laboratorios Nupel, e tivo ao ex-copiloto coruñés Luís Moya como director deportivo.
Traxectoria
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/0/0e/Sergio_Vallejo01.jpg/150px-Sergio_Vallejo01.jpg)
En 2006 o piloto Sergio Vallejo deixou o equipo FIAT do que formara parte desde 2001. A finais de ano debutou co Porsche 911 no Rally San Froilán, unha proba puntuable para o Campionato Galego onde rematou na segunda posición.[1]
Tempada 2007
En 2007 Vallejo disputou o Campionato de España co Porsche 997 GT3 xa baixo o patrocinio dos laboratorios Nupel, logrando vitorias no Rally Illas Canarias e no Rally de Ferrol.[1]
Tempada 2008
En 2008 Vallejo continuou nos mandos do 997 GT3, esta vez gañando nas Canarias, Llanes, Costa Brava e Shalymar, proclamándose subcampión, empatado a puntos con Enrique García Ojeda. En Llanes estreou unha evolución do Porsche preparado polo francés Bernard Vara.[1]
Ese ano o catalán Xevi Pons entrou no equipo, debutando no Rally Costa Brava e no Serra Morena, tamén cun Porsche 911 GT3.[2]
Tempada 2009
Na tempada 2009, Vallejo e Pons formaron equipo no Campionato de España de asfalto. Vallejo fixo un inicio de tempada irregular, logrando a vitoria nas Canarias por terceiro ano consecutivo, pero sumando dúas retiradas (Vila Joiosa e Cantabria). Na segunda metade do campionato gañou en Ourense, Príncipe de Asturias e Sierra Morena, logrando o título nacional na penúltima proba, Costa Brava, onde quedou cuarto. Tamén gañou a derradeira proba, o Rally Shalymar.[1]
Pola súa banda, Pons disputou o campionato de terra e o de asfalto cun Mitsubishi Lancer Evo X, logrando neste último sete podios, o subcampionato e o campionato do Grupo N.[2]
Tempada 2010
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/1/15/Pons-Alsace_2010.jpg/150px-Pons-Alsace_2010.jpg)
En 2010 o equipo tivo varias novidades. O ex-copiloto coruñés e campión do mundo Luís Moya asumiu o cargo de director deportivo, cambiouse o Porsche polo Ford Fiesta S2000, un vehículo preparado pola compañía británica M-Sport e os pilotos Álvaro Muñiz, Adrián Díaz e Marta Suria uníronse ao equipo. Con todo, a mediados de tempada, xusto antes da celebración do Rally Rías Baixas, Sergio Vallejo abandonou o equipo por problemas con Moya, despois de ter disputado só tres probas co equipo e despois de participar no Rally de Ourense cun Peugeot 207 S2000. Non completou o resto de probas do calendario e rematou no noveno lugar, sen poder revalidar o título que gañara o ano anterior.[1] Pola súa banda, Pons disputou o nacional de asfalto, logrando unha vitoria en Ourense, e participou no novo Campionato Mundial de Rallys Super 2000, onde logrou dúas vitorias, México e Xordania, e gañou o título no última proba do ano, Gran Bretaña.[3] Ademais do título de pilotos, o equipo quedou segundo na clasificación por equipos, a só un punto do equipo gañador, o Red Bull Rally Team.[4]
Tempada 2011
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/c/cb/Lodeiro_Catalunya_2010.jpg/150px-Lodeiro_Catalunya_2010.jpg)
En 2011 o equipo tiña a Pons como o principal piloto aos mandos do Ford Fiesta S2000 e cambiou o nome a Nupel Estrella Galicia 0,0, debido ao novo patrocinador. Tamén incluíron varios pilotos e novos e vehículos, como Adrián Díaz a bordo dun Ford Fiesta S1600 e tres Ford Fiesta R2 para Marta Suria, Marcelo Conchado, Juan Dorribo e incluso Enrique García Ojeda cunha cuarta unidade.[5]
Con todo, a principios de ano o equipo disólvese debido á detención de Jorge Dorribo, xunto a outras persoas relacionadas cunha trama dedicada a conseguir subvencións ilegais.[6][7] En maio o equipo cambiou de dono e pasou a ser propiedade de Roberto Méndez, que comprou o equipo coa intención de continuar cos proxectos, pilotos e patrocinadores principais.[8]
Resultados
Campionato do Mundo de Rally
Ano | Vehículo | Pilotos | 1 | 2 | 3 | 4 | 5 | 6 | 7 | Posición | Puntos | |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
2010 | Ford Fiesta S2000 | Xavi Pons | MEX 8 |
XOR
10 |
NZL 10 |
POR
12 |
ALE 15 |
FRA
15 |
GBR
13 |
15º | 6 | [4] |
Campionato do Mundo de Rally S2000
Ano | Vehículo | Pilotos | 1 | 2 | 3 | 4 | 5 | 6 | 7 | Posición | Puntos | |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
2010 | Ford Fiesta S2000 | Xevi Pons | MEX 1 |
XOR 1 |
NZL 2 |
POR 2 |
ALE 5 |
FRA
4 |
GBR 3 |
1º | 123 | [4] |
Copa WRC de equipos
Ano | Vehículo | Pilotos | 1 | 2 | 3 | 4 | 5 | 6 | 7 | Posición | Puntos | |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
2010 | Ford Fiesta S2000 | Xavi Pons | MEX 1 |
XOR 1 |
NZL 2 |
POR 2 |
ALE 5 |
FRA 4 |
GBR 3 |
2º | 125 | [4] |
Notas
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 revistascratch.com. "Sergio Vallejo". revistascratch.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2012. Consultado o 8 de setembro de 2021.
- ↑ 2,0 2,1 "Xevi Pons". revistascratch.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2012. Consultado o 9 de setembro de 2021.
- ↑ García Vegas, Juan Carlos (14 de novembro de 2010). "Resumen S-WRC: Mikkelsen gana pero Pons se lleva el título". latulasport.es (en castelán). Consultado o 9 de setembro de 2021.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 "Resultados dos campioantos do mundo". juwra.com (en inglés). Consultado o 9 de setembro de 2021.
- ↑ Villarín, Nacho. "Vídeo: Ford Fiesta S2000 2011 del Nupel Global Racing". revistascratch.com. Arquivado dende o orixinal o 29 de xaneiro de 2014. Consultado o 9 de setembro de 2021.
- ↑ "Los 15 detenidos por la trama gallega de fraude en subvenciones pasarán a disposición judicial en las próximas horas". eldia.es. 25 de maio de 2011. Consultado o 9 de setembro de 2021.
- ↑ Salgado, Xurxo (5 de maio de 2011). "Una trama dedicada a captar subvenciones ilegales para las empresas gallegas". El Mundo. Consultado o 9 de setembro de 2021.
- ↑ Dapepan (20 de maio de 2011). "RMC compra Nupel Global Racing". horquillacerrada.com. Arquivado dende o orixinal o 28 de xaneiro de 2014. Consultado o 9 de setembro de 2021.
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas
- Sitio web oficial de Nupel Global Racing (en castelán). Arquivado o 19 de xaneiro de 2010 dende o orixinal.
- Ficha de Nupel Rally Team en revistascratch.com (en castelán). Arquivado o 17 de outubro de 2012 dende o orixinal.