Pato Donald
O Pato Donald[1] (no orixinal inglés Donald Duck)[2] é un personaxe de debuxos animados e banda deseñada dos estudios Walt Disney, creado en 1934. Donald é un pato branco, de pernas e bico alaranxados, viste sempre unha camisa e quepis de mariñeiro. O motivo para isto é que na época no que foi deseñado, todos os personaxes precisaban vestir roupas. O seu nome completo é Donald Fauntleroy Duck.[3]
A voz de Donald
Nos Estados Unidos
A voz chirlada de Donald foi creada polo actor de dobraxe Clarence Nash que até entón era un descoñecido que viña da zona rural de Watonga, Oklahoma. Nash tiña o don natural para imitar animais, inclusive sons de parrulos. No inicio dos anos 30, mudouse para California, onde fixo locución de propaganda nunha radio. A voz que Nash creou para Donald consistía en falar palabras a través dun tipo de "ruído", feito co canto da boca e os dentes molares, que lembraba o grasnado dun parrulo. Logo de que Walt Disney o escoitase recitando o poema "Mary tiña un año" (Mary Had a Little Lamb) coa súa "voz de parrulo", chamouno para unha audición e inmediatamente o contratou, adiviñando que escollera a voz certa para o seu novo personaxe, Donald. Nash fixo a primeira dobraxe na curta A galiña esperta ("The Wise Little Hen") (primeira aparición sonora). Nesa animación, alén de Donald, aparece tamén o Porco Peter ("Peter Pig") que tamén fala palabras a través de sons que lembran os gruñidos de porco, alén da propia Galiña Esperta que emite cacarexos na pronuncia. Clarence Nash volveu dobrar o pato novamente nos debuxos "Orphan's Benefit" ("Show para os orfos" ou "En beneficio dos orfos"), onde Donald recita novamente o poema que fixo que Walt Disney contratase a Nash. E outro chamado "Little Boy Blue, come blow your horn" (ou "Neno triste, toca a corneta"); estes debuxos fixéronse orixinalmente en branco e negro en 1934 e refeito en cores máis tarde, no ano de 1941 (As dúas versións da curtametraxe, no entanto, contaron co mesmo son e as mesmas falas, gravadas en 1934).
Clarence Nash deu voz ao Donald en máis de cen debuxos animados inclusive noutras linguas como portugués e español, en filmes como: The Three Caballeros e Saludos Amigos (coa axuda de guións escritos foneticamente, para que puidese pronunciar as palabras estranxeiras usando as pronuncias correctas); no caso destes dous filmes, os tres dobradores, de Donald, Zé Carioca e Panchito, tiveron que dobrar as versións noutras linguas para outros países. A pedido de Walt Disney, Nash tamén dobrou a Donald noutras linguas nalgunhas curtametraxes de 7 minutos.
Unha curiosidade é que nos clásicos debuxos de cinema no que aparecen os sobriños de Donald: Huey, Dewey, and Louie (coñecidos en Galicia cos nomes casteláns: Juanito, Jorgito e Jaimito), os tres teñen a mesma voz, que tamén é feita por Clarence Nash (porén, máis fina que a de Donald). A razón é que daquela os tres sobriños tiñan a mesma personalidade, e incluso falaban en sincronía. En series producidas máis recentemente como DuckTales (PatoAventuras) e Quack Pack, os tres sobriños teñen personalidades diferentes e non falan todos coa mesma "voz de pato" de Donald. A pata "Donna Duck" que aparece na curta "Don Donald" en 1937 (prototipo da que sería máis tarde Daisy) tamén foi dobrada por Clarence Nash mais soamente en episodios posteriores a ese. A namorada de Donald gañou a súa propia voz e recibiu o nome de "Daisy Duck".
Clarence Nash permaneceu como a única voz do pato nos Estados Unidos até a súa morte en 1985, e, despois, a dobraxe realizouna Tony Anselmo, que foi adestrado polo propio Nash. A voz que lle dá Anselmo é un chisco máis aguda da que lle dera Nash.[4][5]
Donald non ten versións polo de agora en galego, xa que a Disney non fai as versións en galego nin dos clásicos, nin emite para a TVG.
Debuxos
Donald fixo a súa primeira aparición o 9 de xuño de 1934 no episodio The Wise Little Hen ("A Galinha Esperta") da serie Silly Symphonies (Sinfonías tolas). Donald apareceu despois en varios debuxos de Mickey Mouse, á beira de personaxes coma os cans Goofy e Pluto. Mais foi en 1937 cando Donald estreou a súa propia serie animada a carón da súa amada Daisy. O debuxo era Don Donald. Os seus sobriños Huey, Dewey, and Louie (coñecidos en Galicia cos nomes casteláns: Juanito, Jorgito e Jaimito) aparecerían un ano máis tarde, no episodio Os sobriños de Donald. Scrooge McDuck (coñecido en Galicia co nome dado en España Tío Gilito) apareceu en 1947 nos debuxos Christmas on Bear Mountain.
Pato Donald na segunda guerra mundial
Debido a gran popularidade dos debuxos animados, os Estudios Disney foron obrigados a mudar de estilo coa entrada dos Estados Unidos na segunda guerra mundial n 1942. A produción de debuxos pasou a integrar o esforzo de guerra norteamericana, abordando a guerra como tema. En 1942, fixéronse uns debuxos de propaganda antinazi, chamados Der Fuehrer's Face. Estes debuxos amosan a Donald vivindo na Alemaña nazi, onde é forzado a traballar nunha fábrica de produción en serie de armamento bélico pesado e de fotografías producidas en serie do Führer Adolf Hitler.
No entanto, os debuxos mostran aínda unha certa inxenuidade dos seus produtores, como a crítica á produción en serie, algo común nos Estados Unidos desde a década de 1930. Noutros debuxos, The Spirit of '43, o Pato Donald é convencido a contribuír con parte do seu salario, para os altos impostos de guerra. Nestes debuxos, Donald actúa coa súa consciencia dividida, gastadora e aforradora, cuxas aparencias personificadas lembran os futuros Scrooge McDuck (Tío Gilito) e Gladstone Gander (Narciso Bello).
O Pato Donald non foi o único personaxe de debuxos infantís que se amosou en contra do Nazismo. Personaxes coma Popeye, Duffy Duck (Pato Lucas), Mickey, O Gato Félix e tantos outros deixaron de lado as piadas do cotián, e pasaron a mostrar contido violento, usando armas e xogando con bombas de avión, entre outras cousas.
Nesa época Donald participou en dúas longametraxes con temas dirixidos a América do Sur, un interese estratéxico para os militares en guerra: Saludos Amigos (1943), co papagaio brasileiro Zé Carioca e The Three Caballeros (1944), con Zé, Donald e o mexicano Panchito.
Despois da guerra, Donald protagonizou diversas curtametraxes retornando aos temas máis amenos, como as veces no que foi atormentado por personaxes coma os esquíos Chip 'n Dale (En Galicia coñecidos co nome en España: Chip e Chop).
Outras aparicións
Televisión
Na televisión, Donald estivo en DuckTales (en Galicia emitido en castelán: Patoaventuras) (1987-1990) e TV Quack Pack (1996-1997). Os debuxos orixinais fixéranse para o cinema, mais finalmente pasaron a se emitir en programas como "The House of Mouse", o seu propio programa a TV Quack que é emitido en Disney Channel. Tamén apareceu nos debuxos infantís Mickey Mouse Clubhouse emitido en Disney Channel e Playhouse Disney.
Banda deseñada
Nas bandas deseñadas,[6] Donald tamén foi de grande importancia entre o público infantil con gran popularidade internacional, inclusive en Galicia.
Donald pasou a ter "vida propia", sen depender de Mickey Mouse, cando un dos animadores de Disney, Carl Barks, ao ficar encargado da banda deseñada, decidiu adaptar unha historia orixinariamente escrita para Donald, Mickey, Goofy e Pluto, deseñándoa só con Donald e mailos seus sobriños: Donald Duck Finds Pirate Gold (Donald atopa o ouro dos piratas). Foi publicada en 1942 e pertence á serie de revistas da Dell Comics chamada "Four Color".
O éxito da Disney nos cómics débese en gran parte ao debuxante Carl Barks, alcumado "Home dos patos". O grande artista produciu historietas até 1967. Creou case todos os personaxes máis importantes das historias do Donald: entre outros Scrooge McDuck (Tío Gilito, o parrulo máis rico do mundo), o curmán vaidoso Gladstone Gander (Narciso Bello), o científico tolo Gyro Gearloose (Ungenio Tarconi) , alén dos viláns: a meiga Magica De Spell (Mágica) e os ladróns Beagle Boys (Golfos Apandadores).
Máis recentemente outra figura destacou coma debuxante dos cómics do parrulo: Keno Don Hugo Rosa, que recreou unha complexa árbore xenealóxica e toda a historia do Tío Gilito (Scrooge McDuck).
Videoxogos
Donald é protagonista de Quackshot (1991), Lucky Dime Caper (1991), World of Illusion Starring Mickey Mouse and Donald Duck (1992), Maui Mallard in Cold Shadow (1995), Disney's Donald Duck: Goin' Quackers (2000), e Disney's PK: Out of the Shadows (2002), e é personaxe xogábel en Mickey's Speedway USA (2000).
Donald tamén é protagonista da serie de RPG Kingdom Hearts, xunto con Goofy e o neno Sora. Neste xogo, el é o mago da corte do rei Mickey. É un mago impetuoso e impaciente, que, a pedido do rei, acompaña a Sora na súa aventura para atopar o rei.
Debuxantes
O Pato Donald ten o seu visual concibido por varios artistas non só norteamericanos senón de varios países, que manteñen o deseño característico do mestre Carl Barks e a personalidade dos debuxos animados, mais engadindo algúns estilos propios de cada un. De todos eles, ademais de Carl Barks salientaron Giovan Battista Carpi, Giorgio Cavazzano, William Van Horn, Daan Jippes, Keno Don Rosa (autor da saga do Tío Gilito: The Life and Times of Scrooge McDuck), Marco Rota (que segue os trazos de Barks), Romano Scarpa, Tony Strobl, Al Taliaferro, Tetsuya Nomura (responsábel do visual do parrulo para os xogos Kingdom Hearts) e Shiro Amano (autor da versión manga dos mesmos xogos Kingdom Hearts), Lydia Gonçalves Santos, Bruno Pombo Lemos, Vítor Siqueira Gonçalves e Matheus Cerdeira Martins Klein.
Aparicións do personaxe
Ademais das numerosas curtametraxes de debuxos animados.
Filmes
- The Reluctant Dragon (1941)
- Saludos Amigos (1942)
- The Three Caballeros (1944)
- Fun and Fancy Free (1947)
- Melody Time (1948)
- Mickey's Christmas Carol (1983)
- Quen enganou a Roger Rabbit? (1988)
- Mickey's 60th Birthday (1988)
- The Prince and the Pauper (1990)
- A Goofy Movie (1995)
- Fantasia 2000 (1999)
- Mickey's Once Upon a Christmas (1999)
- Mickey's Magical Christmas: Snowed in at the House of Mouse (2001)
- Mickey's House of Villains (2002)
- Mickey's PhilharMagic (2003)
- Mickey's Twice Upon a Christmas (2004)
- Mickey, Donald, Goofy: The Three Musketeers (2004)
- The Lion King 1½ (2004)
- Donald's Happy Birthday (1999)
Series de televisión
- DuckTales (1987–1990)
- Donald Duck Presents (escolma de curtas clásicas da Disney)
- Donald's Quack Attack (escolma de curtas clásicas da Disney)
- Bonkers (1993–1995)
- Quack Pack (1996–1997)
- Mickey Mouse Works (1999–2000)
- House of Mouse (2001–2003)
- Mickey Mouse Clubhouse (2006)
Notas
- ↑ Aínda que existen poucas publicacións da The Walt Disney Company en galego, agás a tradución dos libros baseados nos filmes clásicos da Disney, o nome Pato Donald é tan común en Galicia que non tería sentido respectar o inglés Donald Duck. Pato Donald é tamén o nome utilizado tanto en español coma en portugués.
- ↑ "Árvore da família Pato". Arquivado dende o orixinal o 01 de setembro de 2007. Consultado o 12 de maio de 2010.
- ↑ "IMDB Donald Duck (Character)". IMDB (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 06 de marzo de 2016. Consultado o 8 de abril de 2016.
- ↑ http://www.michaelbarrier.com/Funnyworld/Nash/Nash0001.jpg
- ↑ http://www.mouseclubhouse.com/Interviews/tony-anselmo/tony-anselmo1.jpg
- ↑ Sobre o personaxe
Véxase tamén
Outros artigos
- Daisy (moza de Donald)
- Mickey Mouse