Port Moresby
Nomeado en referencia a | John Moresby (en) | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
| ||||
Reinos da Commonwealth | Papúa Nova Guinea | |||
Capital de | ||||
Poboación | ||||
Poboación | 317.374 (2012) (1.322,39 hab./km²) | |||
Lingua usada | Mussau-Emira (en) Burum (en) Mountain Koiali (en) Koita (en) Toura (en) Grass Koiari (en) Kwale (en) Kuni (en) Yele (en) Língua motu (pt) Waima (en) | |||
Xeografía | ||||
Superficie | 240 km² | |||
Bañado por | Golfo de Papua (pt) | |||
Altitude | 35 m | |||
Creación | 1873 | |||
Identificador descritivo | ||||
Código postal | 111 | |||
Fuso horario | ||||
ISO 3166-2 | PG-NCD | |||
Outro | ||||
Irmandado con | ||||
Sitio web | portmoresby.com |
Port Moresby (AFI [ˌpɔːrt ˈmɔːrzbi]) (en tok pisin: Pot Mosbi) é a capital de Papúa Nova Guinea, e a súa maior aglomeración de poboación contando a súa área metropolitana que estendese por todo o Distrito Capital Nacional. A cidade está situada nas costas do golfo de Papúa, na costa sueste da illa de Nova Guinea. A cidade é á súa vez a capital da provincia Central, da que está rodeada na rexión de Papúa, aínda que realmente non pertence a esta, xa que por se soa forma o Distrito Capital Nacional. Segundo un estudo de 2007, é a segunda peor cidade para vivir, tras Alxer (Alxeria).
O primeiro europeo que chegou á zona onde se asenta Port Moresby foi o capitán británico John Moresby en 1873, ano en que foi fundada, e quen lle deu nome á cidade en honra do seu pai o almirante sir Fairfax Moresby.
Esta cidade é considerada a cidade máis perigosa do mundo, segundo un informe presentado polo programa da ONU para os Asentamentos Humanos.[1]
Historia
Antes da colonización europea
A zona que ocupa Port Moresby estaba ocupada polos motuanos, nativos de Papúa, que comerciaban intercambiando vasillas por sagú, alimentos e grandes canoas, realizando viaxes desde Hanuabada e outras poboacións. Tamén tiñan relacións con outros pobos veciños da provincia do Golfo, creando fortes lazos comerciais e familiares, debidos a matrimonios mixtos.
As expedicións hiri eran de grande escala. En cada viaxe podían intervir ata 20 canoas ou lakatoi cuns 600 tripulantes, e cunha carga dunhas 20.000 vasillas. Para os motuanos, as hiri non era soamente unha empresa económica, senón que tamén servían para reforzar a súa identidade como tribo grazas ao perigo das longas viaxes. Estas viaxes son conmemorados cada ano mediante o Hiri Moale Festival que se celebra cada setembro en Ela Beach.
Colonización europea
A zona xa era un importante centro de comercio cando o capital John Moresby, do navío HMS Basilisk, chegou por primeira vez á zona na que se asenta Port Moresby en 1873. Os británicos aventuráronse a través do Mar do Coral, ata o extremo oriental de Nova Guinea, atopando previamente tres illas descoñecidas ata entón. Ás 10 da mañá do 20 de febreiro de 1873, John Moresby reclamou para o Reino Unido a posesión das terras atopadas, chamadas así en honra do seu pai, o almirante sir Fairfax Moresby. Moresby chamou ao tramo interior Fairfax Harbour, e ao resto Port Moresby.
O asentamento europeo do lugar non se produciu ata unha década máis tarde, en 1883, cando a parte sueste de Nova Guinea foi anexionada ao Imperio británico. En 1906 Nova Guinea británica pasou á recentemente establecida Mancomunidade de Australia, pasando a denominarse Papúa. Desde entón ata 1941 Port Moresby experimentou un lento crecemento. O crecemento maior produciuse na península, onde as infraestruturas portuarias e outros servizos foron gradualmente mellorados. A electricidade introduciuse en 1925 e o servizo de auga potable corrente foi instalado en 1941.
A segunda guerra mundial
Durante a segunda guerra mundial moitos papuanos volveron ás súas aldeas ou foron evacuados a campos de refuxiados afastados a Port Moresby cando se albiscou unha posible invasión xaponesa. A cidade foi convertida nunha importante base aliada onde se instalaron miles de soldados, xa que era o último bastión na illa e a última defensa entre as posicións xaponesas e Australia. Este papel clave converteuna no obxectivo da invasión da frota xaponesa en maio de 1942, detida na batalla do mar do Coral. Moitos papuanos alistáronse como transportistas para dar apoio ás tropas aliadas. Como resultado, as poboacións en Port Moresby deterioráronse e tras a guerra Port Moresby tivo que ser reconstruído.
En 1945, creouse o Territorio de Papúa e Nova Guinea tras a unión baixo unha mesma administración australiana de Papúa e a antiga colonia alemá de Nova Guinea. Port Moresby pasou a ser considerada a capital do novo territorio e o foco de expansión dos servizos públicos.
Capital de Papúa Nova Guinea
En setembro de 1975, Port Moresby converteuse na capital do estado independente de Papúa Nova Guinea. No barrio de Waigani construíronse novos edificios do goberno para albergar os departamentos deste, incluíndo un espectacular edificio para o Parlamento Nacional inaugurado en 1984, que combina un deseño tradicional con modernas tecnoloxías de construción. En Waigani tamén se atopan o Museo e a Biblioteca nacional.
Demografía
A poboación creceu rapidamente desde a independencia. En 1980 o censo rexistraba uns 120.000 habitantes, habendo aumentado ata uns 195.000 en 1990 e uns 254.000 en 2000.[2]
En 2004, a cidade foi clasificada como o peor lugar do mundo para vivir na clasificación de 130 capitais mundiais do Economist Intelligence Unit. Os altos niveis de violacións, roubos e asasinatos, e as grandes áreas da cidade controladas por bandas de delincuentes, coñecidas localmente como raskols foron citadas no informe. Segundo un artigo publicado polo diario The Guardian en 2004, os niveis de desemprego estimábanse entre un 60 e un 90%, e os de asasinatos eran tres veces os de Moscova e 23 veces os de Londres.[3] Con todo, un estudo similar publicado en abril de 2007 por Mercer Consulting, puña a Bagdad como o peor lugar para vivir.[4]
Barrios
Port Moresby refírese tanto á zona urbanizada do Distrito Capital Nacional como máis especificamente á zona financeira, coñecida localmente como Town. Outros barrios de Port Moresby son: Koki, co seu popular mercado de produtos frescos, Newtown, Konedobu, Kaevaga, Badili, Gabutu, Kila, Matirogo, Three Mile, Kaugere, Sabama, Korobosea, Four Mile, Hohola, Hohola North, Boroko, a maior zona de tendas de Port Moresby, Gordon, Gordon North, Erima, Saraga, Waigani, Morata e Gerehu. Dentro do distrito atópanse tamén outras poboacións, como Hanuabada, que é a maior poboación do país.
Transporte
Port Moresby conta cos servizos do Aeroporto Internacional Jacksons, desde onde operan Air Niugini (a aerolínea nacional de Papúa Nova Guinea) e outras compañías como Qantas. O aeroporto ten voos internacionais a Brisbane, Cairns, Honiara, Manila, Singapura, Sydney e Toquio. Posto que non todo o país está conectado mediante autoestradas, hai numerosos voos nacionais que conectan Port Moresby con outras poboacións do país ás que non se poden chegar en autobús.
Cidades irmandadas
Port Moresby está hermanada con:
- Jinan, China (desde o 28 de setembro de 1988).
- Townsville, Australia (desde 1983).
Port Moresby está asociada con:
- Jayapura, Indonesia.
Notas
- ↑ GLOBAL REPORT ON HUMAN SETTLEMENTS October 2007 (Inglés)
- ↑ Brinkhoff, Thomas. Papua New Guinea. City Population. 18 de marzo de 2007. Consultado o 5 de setembro de 2007.
- ↑ Fickling, David. Raskol gangs rule world's worst city. The Guardian. 22 de setembro de 2004. Consultado o 5 de setembro de 2007.
- ↑ The world?s best cities are still in Switzerland. City Mayors Environment. 3 de abril de 2007. Consultado o 5 de setembro de 2007.