Rodrigo Rato
Rodrigo Rato Figaredo, nado en Madrid o 18 de marzo de 1949, é un político conservador e economista español. Foi vicepresidente do Goberno de España e ministro de Economía durante o oito anos de goberno do Partido Popular. Foi o noveno director xerente do Fondo Monetario Internacional até a súa dimisión o 19 de xuño de 2007. Sucedeu neste cargo a Horst Köhler, quen renunciara o 4 de marzo de 2004, e permaneceu no mesmo até o 31 de outubro de 2007, tras o cal foi sucedido polo francés Dominique Strauss-Kahn. En 2011 era o presidente de Caja Madrid.
Traxectoria
Primeiros anos
É bisneto de Faustino Rodríguez-San Pedro y Díaz-Argüelles (avogado e alcalde de Madrid, entre outros) e fillo do empresario Ramón de Rato Rodríguez San Pedro e Aurora Figaredo Sela. Ambas familias asturianas (os Rato e os Figaredo) son propietarias de industrias.[1][2]
Tras estudar cos Xesuítas de Chamartín e comezar a universidade en ICADE, licenciouse en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid en 1971, obtivo un máster en Administración de Empresas pola Universidade de Berkeley (California) tres anos máis tarde e, xa sendo Ministro de Economía de España, doutorouse en 2003 en Economía Política pola Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade Complutense de Madrid.
Inicios na súa carreira política
Ingresou en política en 1979, figurando como candidato por Cádiz do partido Alianza Popular, antecesor do Partido Popular. Tras formar parte do comité executivo do partido desde 1980, obtivo o seu primeiro escano no Congreso dos Deputados en 1982. Tiña 33 anos. Sendo un dos deputados de AP máis activos no Congreso, apoiou o nomeamento de José María Aznar como candidato a presidente. Outros que tamén lle apoiaron foron Federico Trillo ou Juan José Lucas. Durante os anos de oposición de Aznar foi a súa man dereita e portavoz no Parlamento.
Notas
- ↑ "Fallece Aurora Figaredo, la madre de Rodrigo Rato, a los 90 años" (en castelán). 6 de xuño de 2005. Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2012. Consultado o 31 de decembro de 2015.
- ↑ "Fondos Familia Figaredo (Real Instituto de Estudios Asturianos)". Arquivado dende o orixinal o 08 de setembro de 2009. Consultado o 31 de decembro de 2015.
Véxase tamén
Outros artigos
- Bankia
Ligazóns externas
- Biografía na Fundación CIDOB Arquivado 15 de maio de 2011 en Wayback Machine. (en castelán)