Sarna
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A escabiose, raña[1] ou sarna é unha enfermidade da pel causada polo ácaro parasito Sarcoptes scabiei, chamado comunmente arador da sarna. É unha ectoparasitose de distribución mundial en todas as razas. É unha afección cosmopolita, extremadamente contaxiosa. Alcanza a todas as capas da poboación e constitúe unha dermatose moi frecuente e de fácil tratamento.
Sarcoptes scabiei
Sarcoptes scabiei é un artrópodo de corpo non segmentado, ovoide, con 4 pares de patas. A femia mide 300-450 micrómetros e o macho 150-250 micrómetros.
- Hóspede: o ser humano. O ácaro non vive máis de 2 a 4 días no medio ambiente.
- Contaxio: a enfermidade é facilmente transmisible por contacto directo, ou a través de fómites (roupa, sabas, toallas), así como por vía sexual. Nalgúns casos pódese adquirir por contacto con animais infectados, sobre todo cans (Sarcoptes scabiei var. canis).
- Incubación
- Primoinfestación (persoas sen exposición previa ao ácaro): 15 a 50 días
- Reinfestación (persoas que foron infestadas previamente): 1 a 4 días
A fecundación ocorre na superficie da pel, logo da cópula o macho morre.
A femia introdúcese na capa córnea da pel e vai escavando galerías, e deixando os ovos a medida que penetra na pel (2 a 3 ovos por día) ata un total de 30 a 50 ovos. Finalmente morre no túnel ó cabo de 4 a 6 semanas.
Os ovos eclosionan e as larvas emerxen á superficie da pel, transfórmanse en ninfas ós 3-8 días e posteriormente en adultos en 12-15 días. As formas contaxiosas son a ninfa e os adultos.
Clínica
O principal síntoma é o proído, que aumenta o seu efecto durante as noites e coa calor. O proído está causado pola reacción alérxica do corpo ante o parasito, que se manifesta con pequenos grans, bochas e pequenas úlceras con bostelas. Non causa febre, a menos que exista infección.
As lesións máis típicas son os sucos, liñas agrisadas e sinuosas de 1 a 15 mm de longo, que son o reflexo exterior da galería escavada na epiderme pola femia co fin de desovar, e as vesículas perladas, do grosor dunha cabeza de alfinete, producidas pola secreción do parasito. As lesións predominan nos pulsos, as caras laterais dos dedos e das mans, os cóbados e as nádegas, esténdense a todo o corpo. Algunhas localizacións son electivas, e non necesariamente presentes: no home, o prepucio e a glande (chancro escabioso); na muller, a aréola (fóra da lactación, as lesións bilaterais de ambas as mamas fan pensar na sarna); no neno e o lactante, a planta dos pés.
A escabiose pode ir acompañada por lesións inducidas por microbios (piodermite, linfanxite etc.). Pola súa banda, nas persoas limpas non se traduce máis que por un mínimo de síntomas e non é prurixinosa. Porén, é igualmente contaxiosa.
Formas clínicas
- Sarna mitis
- Sarna nodular
- Sarna norueguesa (en inmunodeprimidos): forma moi contaxiosa, prodúcese unha infestación masiva.
Tratamento
A sarna é tratada con escabicidas, que deben aplicarse por todo o corpo, non só nas partes infectadas xa que non se sabe exactamente a localización do parasito, posto que se son adultos poden estar presentes en todo o corpo. Débese ter especial coidado á hora de aplicar o tratamento, evitando as mucosas e esparexendo o produto por todos os pregos da pel, os espazos interdixitais e a zona que queda entre as uñas e a pel, dado que o parasito pode usar estas zonas como reservorios. O tratamento dura de 3 a 5 días se é realizado de maneira adecuada.
Algúns accidentes graves ocorreron trala aplicación de Lindano. Este acaricida e pesticida só pode aplicarse baixo unha dilución e posoloxía fornecida por un facultativo [2].
Notas
- ↑ "Dicionario da Real Academia Galega". Real Academia Galega. Consultado o 24/04/2017.
- ↑ Escabiose (sarna humana) - Tratamento farmacolóxico Arquivado 25 de xaneiro de 2010 en Wayback Machine..