Sigrid Kaag

Sigrid Kaag
Nacemento2 de novembro de 1961
Lugar de nacementoRijswijk
NacionalidadeReino dos Países Baixos
Alma máterSt Antony's College, Universidade de Exeter e Escola Nacional de Administração
Ocupaciónministro, diplomática e política
CónxuxeAnis al-Qaq
PremiosWateler Peace Prize e Knight Grand Cross of the Order for Merits to Lithuania
Na rede
Twitter: sigridkaag Instagram: sigridkaag Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]
Kaag nunha xuntanza co ministro de Asuntos Exteriores de Níxer o 25 de abril de 2019

Sigrid Agnes Maria Kaag, nada en Rijswijk o 2 de novembro de 1961, é unha política e diplomática neerlandesa.

Traxectoria

Filla dun pianista[1], medrou en Zeist e en 1980 foi á Universidade de Utrecht para estudar filoloxía árabe pero acabou mudando de idea e licenciouse en 1985 en estudos de Oriente Medio pola Universidade Americana no Cairo. Conta cun mestrado en política e economía do Oriente Medio da Universidade de Exeter (1987) e outro de relacións internacionais do St Antony's College de Oxford (1988). En 1990 realizou un curso de relacións internacionais no Instituto Clingendael[2].

Entre 1988 e 1990 traballou como analista[3]para a Shell en Londres. En 1990 volveu aos Países Baixos e entrou a traballar no departamento de relacións políticas coa ONU do ministerio de asuntos exteriores, posto no que permaneceu ata 1993. En 1994 comezou a traballar para as Nacións Unidas e ata 1997 foi xefa de proxectos e directora de relacións cos doadores da UNRWA, a axencia da ONU para os refuxiados palestinos en Oriente Medio, con sede en Xerusalén. Entre 1998 e 2004 traballou na Organización Internacional para as Migracións en Xenebra e en 2004 e 2005 foi conselleira principal da ONU en Khartún e Nairobi. De 2007 a 2010 foi un directora rexional para o Oriente Medio e África do Norte de UNICEF en Amán. Dende 2010 a 2013 foi subsecretaria xeral, do Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD) con sede en Nova York. Entre outubro de 2013 e setembro de 2014 encabezou a misión conxunta da Organización para a Prohibición das Armas Químicas e da ONU en Siria[4] coordinando un equipo composto por un cento de expertos co encargo de aseguraren a destrución das armas químicas nese país e tras completar o seu labor en Siria a partir de decembro de 2014[5] e ata outubro de 2017 foi coordinadora especial da ONU no Líbano.

A proposta do partido dos Demócratas 66[6] o 26 de outubro de 2017 incorporouse ao gabinete Rutte III como ministra de Comercio Exterior e Cooperación para o Desenvolvemento. Ao reducir o presidente estadounidense, Donald Trump á metade a axuda á UNRWA, Kaag transferiulle á maior brevidade 13 millóns de euros á organización, feito que creou malestar cos socios da coalición: VVD, CDA e ChristenUnie ao consideraren pouco transparente a comunicación sobre o asunto[7]

Tras a destitución do ministro de Asuntos Exteriores, Halbe Zijlstra, o 13 de febreiro de 2018, Kaag asumiu interinamente as súas funcións[8] ata o nomeamento de Stef Blok o 7 de marzo. Kaag é unha das favoritas para asumir o liderado do seu partido[9], vacante dende outubro de 2018.

Notas

  1. Theo Koelé (13 de xaneiro de 2014). "'In licht van de tragedie is dit bescheiden missie'". de Volkskrant. 
  2. "Curriculum Vitae Sigrid Kaag". government.nl. Arquivado dende o orixinal o 06 de xaneiro de 2018. Consultado o 09 de xuño de 2020. 
  3. "Dutch woman Sigrid Kaag tasked with eradicating Syria's chemical weapons". The Australian. 17 de outubro de 2013. 
  4. "Sigrid Kaag: verdedigster van de Palestijnse zaak. Nederlandse VN-diplomate gaat ontwapeningsmissie in Syrië leiden", NPO Geschiedenis, 16 de outubro de 2013
  5. "Secretary-General Appoints Sigrid Kaag of Netherlands as Special Coordinator for Lebanon". un.org. 1 de decembro de 2014. 
  6. "S.A.M. (Sigrid) Kaag MA, MPhil". parlement.com. 
  7. VVD, CDA en CU knarsetanden na Palestijnse hulpgeldactie minister Kaag, nos.nl, 26 de xaneiro de 2018
  8. "Minister Sigrid Kaag neemt taken Zijlstra over". Elsevier Weekblad. 13 de febreiro de 2018. Arquivado dende o orixinal o 10 de xuño de 2020. Consultado o 09 de xuño de 2020. 
  9. "Het nieuwe motto van D66: Wachten op Kaag". de Volkskrant. 29 de maio de 2020.