Teca
Teca | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
'Tectona grandis' L. |
A teca (Tectona grandis) é unha árbore frondosa da familia Lamiaceae que acada até 30 m de altura. Chmada a Raíña das Madeiras, entre os coñecedores, pois a súa aparencia faise máis fermosa co paso dos anos, tendo a capacidade de non se danar cando entra en contacto con metais, o que a fai moi valiosa para a fabricación de mobles de alto valor e embarcacións luxosas. É nativa da India, Birmania, Laos e Tailandia e ten unha longa historia de ordenación sistemática. Introduciuse en Indonesia (Illa de Xava) hai centos de anos e as máis antigas plantacións de teca en Sri Lanka téñense documentado a finais do século XVII. Os primeiros sistemas intensivos de ordenación dos bosques naturais desenvolvéronse hai uns 150 anos en Myanmar, dende onde a ordenación activa da especie pasou á India e a Tailandia durante un período duns 40 anos. Hoxe en día atopamos tecas en moitos outros países asiáticos, e grandes plantacións en África e América Central e do Sur. É evidente que a explotación dos bosques naturais non pode seguir a responder a demanda de madeira de teca, e a insuficiencia previsíbel deste material avivou o interese polas súas plantacións. Moitas veces a madeira vendida en Galiza coma teca é en realidade a madeira da especie africana Milicia excelsa, chamada comercialmente de iroko ou orixá.
Madeira
Aspecto
A madeira de teca é de sámago abrancazado e cerna amarelente ou da cor do bronce. A fibra é xeralmente recta, aínda que en raras ocasións pode presentar fibra ondulada que é habitual da procedente da India. O gran é groso con presenza de taxas de sílice variábeis. Posúe un tacto oleoso e acabada de cortar ten un forte cheiro a coiro vello que desaparece en gran medida ao secar.
Propiedades
A teca ten unha densidade entre 650 e 750 kg/m³, cunha media de 690 kg/m³ ao 12% de humidade. Considérase unha madeira pesada e de dureza media. Ten unha resistencia media á flexión, pouca rixidez e resistencia ao impacto, unha resistencia alta á comprensión e un grao moderado de dobradura con vapor.
A velocidade de secado da madeira de teca é amodo e varía en función da densidade. Polo xeral, trabállase bastante ben tanto a man como a máquina, aínda que as serraduras e cepilladura da madeira desgasta axiña as ferramentas por mor do seu alto grao en sílice. A coladura presenta dificultades elevadas por mor do seu alto contido en oleorresinas.
Aplicacións
A teca goza de moi boa reputación, ben merecida, pola súa alta resistencia e durabilidade. Presenta unha grande estabilidade en ambientes cambiantes, non se greta, fende, laña, avelloa ou podrece, e resiste á acción dos fungos, xilófagos e incluso a algúns ácidos. Estas características son as que fan posíbel que a madeira de teca estea considerada coma unha das máis valiosas do mundo e goce así de múltiples aplicacións:
- Chapas para recubrimentos decorativos
- Moblaxe e ebanistaría
- Carpintaría interior: chans, faixas, frisos, escadas
- Carpintaría exterior: revestimentos, fiestras
- Construción naval: embarcacións lixeiras
- Pontes: elementos en contacto co chan ou coa auga
- Torneadura: pezas curvadas
- Recipientes resistentes aos ácidos
Orixe
Inicialmente orixinaria das Indias Orientais, especificamente da India, Malaisia e Birmania, entre outras rexións do sueste de Asia; na actualidade existen plantacións en moitos países das Américas coma Costa Rica, O Salvador, México, Nicaragua, Brasil, Colombia, Ecuador, Panamá e o Perú. De acordo co poeta persiano Firdusi, o primeiro taboleiro de xadrez da historia foi construído en parte con madeira de teca e mármore.
Requirimientos
O seu crecemento pode darse en variadas condicións, mais se se arela unha madeira de alta calidade cómpren as condicións a seguir:
- Altitude: entre os 0 e 800 msnm (metros sobre o nivel do mar)
- Solos: ricos en calcio, chans e cunha boa drenaxe.
- Na tempada chuviosa: entre 1.500 a 2.500 mm de precipitación anual.
- Na tempada seca: entre 10 e 50 mm de choiva e cunha duración máxima de 3 meses.
Require de climas cunha estación seca ben definida (3 a 5 meses), con temperaturas medias anuais entre 22 e 28 °C, unha precipitación media anual de 1250 a 2500 mm e altitudes entre os 0 e 1000 msnm.
Entre os factores limitantes máis importantes para a especie considéranse os solos pouco profundos, esmagados ou arxilosos, con baixo contido en calcio ou magnesio, con pendente, mala drenaxe e altitudes maiores a 1000 msnm.
Se estas condicións non se cumprisen, obteriamos unha madeira de menor calidade e menor valor comercial. As mellores madeiras de teca proveñen de árbores vellas (por riba dos 20 anos de idade ao seren cortadas).
A teca ten unha alta capacidade para regromar, o que a fai resistente a incendios forestais; pola súa alta densidade e dureza non é atacada pola couza.
Multiplicación
Na área de América Central, por exemplo, inicia a floración entre os cinco e os oito anos, a partir desta data comeza a producir semente fértil, que xeralmente presenta latencia, polo que require de tratamentos de escarificación. É unha especie moi resistente a pragas e enfermidades. Pola súa importancia realizáronse múltiples estudos de mellora xenética, para identificar o xermoplasma ideal para cada zona de interese, principalmente en Asia.
Sinónimos
Notas
- ↑ "Tectona grandis". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 17 de novembro de 2009.
Walker, Aidan (2007). Enciclopedia de la madera : 150 tipos de madera del mundo (1ª ed.). Barcelona: Blume. ISBN 978-84-9801-137-1. Guindeo Casasús, Antonio; García Esteban, Luis; Peraza Sánchez, Fernando (1997). Especies de maderas para carpintería, construcción y mobiliario. Madrid: AITM. ISBN 84-87381-12-X.