Universidade de Padua

Universidade de Padua
Datos xerais
LocalizaciónPadua, Véneto
Fundación1222
Datos actuais
Alumnos65000
Datos de contacto
Facebook: universitapadova Twitter: UniPadova Instagram: unipd Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

A Universidade de Padua (en italiano Università degli Studi di Padova, UNIPD) está en Padua, Italia. Foi creada en 1222. É unha das universidades europeas máis antigas e a segunda máis antiga de Italia. En 2003, a universidade tiña uns 65.000 estudantes.

Historia

Orixe na Idade Media

Adóitase dicir que a universidade foi fundada en 1222 cando un gran grupo de estudantes e profesores deixou a Universidade de Boloña. Fixérono para buscar máis liberdade académica ('Libertas scolastica').[1] As primeiras materias que se impartiron foron dereito e teoloxía. O currículo foise agrandando rapidamente, e en 1399 a institución dividiuse en dous: a Universitas Iuristarum de dereito civil e dereito canónico, e unha Universitas Artistarum que ensinaba astronomía, dialéctica, filosofía, gramática, medicina e retórica.

Idade Moderna

Esta universidade historicamente foi unha das máis proeminentes no desenvolvemento da educación superior en Europa. Durante a súa historia, a universidade acolleu a importantes figuras como Galileo Galilei, que ensinou na universidade no século XVI, e Nicolao Copérnico, alumno desta institución.

Desde 1545, a universidade ten como sede principal o Palazzo Bo,[2] que antes era propiedade dun carniceiro, polo que tivo como símbolo a cabeza dun boi.

Padua foi a primeira universidade en darlle un título académico a unha muller, Elena Lucrezia Cornaro Piscopia, que obtivo a súa licenciatura en filosofía o 25 de xuño de 1678.[3]

O xardín botánico de Padua, aberto ao público en 1545, é o segundo do mundo (despois do de Pisa, inaugurado en 1544, aínda que a localización deste último cambiou co paso do tempo). A universidade tamén xestiona nove museos, entre os que se atopa o Museo de Historia da Física.[4]

Desde 1595, o famoso Teatro Anatómico de Padua atraeu a artistas e científicos que estudaron o corpo humano durante as diseccións públicas.[5] É o anfiteatro anatómico permanente máis antigo de Europa. O anatomista Andreas Vesalius publicou en 1543 De Humani Corporis Fabrica.[6] O libro espertou un gran interese público polas diseccións e provocou que outras cidades europeas estabelecesen teatros anatómicos.

Idade contemporánea

En 1943 o reitor Concetto Marchesi convidou publicamente aos estudantes a rebelarse e loitar contra o fascismo, acción que o obrigou a fuxir a Suíza. Polas súas actividades nas loitas de liberación contra o nazifascismo, a Universidade de Padua é a única en Italia en recibir a medalla de ouro ao valor militar.[7]

Nos últimos anos, a Universidade foi capaz de facer fronte aos problemas de masificación redistribuíndo todo o seu complexo universitario sobre o Véneto. En 1990 naceu o Instituto de Enxeñería en Vicenza e en 1995 o Agripolis no centro de Legnaro.[8]

Reputación e clasificacións

A Universidade de Padua é consistentemente clasificada como unha das mellores universidades de Italia e de Europa, tanto nas ciencias como nas humanidades. A súa excelencia académica e a súa contribución á investigación son amplamente recoñecidas a nivel mundial en ránkings de impacto universitario como Times Higher Education, ANVUR, QS 2020, etc.[9]

Profesores e alumnos destacados

Notas

  1. Universidade, Vida na (2017-07-18). "História da universidade: origens do conceito". Vida na Universidade (en portugués). Consultado o 2023-07-17. 
  2. Padova, Università di (2012-05-31). "Palazzo del Bo e il Teatro Anatomico". Università degli studi di Padova (en italiano). Consultado o 2023-07-17. 
  3. "Elena Lucrezia Cornaro Piscopia, primeira mulher formada no mundo". pt.italiani.it. 
  4. "Centro di Ateneo per i Musei". www.musei.unipd.it. Consultado o 2023-07-17. 
  5. "Palazzo Bo and Anatomical Theatre". www.unipd.it; Università di Padova. Consultado o 2023-07-17. 
  6. "Andreas Vesalius ; De humani corporis fabrica (Of the Structure of the Human Body)". The Metropolitan Museum of Art (en inglés). Consultado o 2023-07-17. 
  7. "La Universidad de Padua Italia". www.padovamedievale.it (en italiano e castelán). Consultado o 2023-07-17. 
  8. Padova, Università di (2016-02-18). "Agripolis - Legnaro (PD)". Università degli studi di Padova (en italiano). Consultado o 2023-07-17. 
  9. "Universidade de Pádua". br.educations.com (en portugués). Consultado o 2023-07-17. 

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas