Loricíferos

Loricíferos
(Loricifera)

Pliciloricus enigmatus
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Animalia
Subreino: Metazoa
(sen clasif.) Pseudocoelomata
Filo: Loricifera
Kristensen, 1983 [1]
Clase: Nanaloricea
Anderson, 1992 [2]
Orde: Nanaloricida
Kristensen, 1983 [1]
familias e Xéneros
  • Véxase o texto

Os loricíferos (Loricifera, do latín lorica, "coiraza", "cota de malla", e ferre, "levar", literalmente "os que levan cota") son un pequeno filo de animais pseudocelomados, composto tan só por vinte e dúas especies de tamaño microscópico (oscila entre as 100 µm e 1 mm),[3] que habitan nos intersticios dos sedimentos mariños, unidos ás partículas de grava ou area, e que se caracterizan por estaren protexidos por unha caixa ou loriga, á que deben o seu nome.[4][5]

Á parte destas pouco máis de vinte especies descritas, hai aproximadamente 100 máis que foron recollidos pero que aínda non se describiron.[4] Os loricíferos encóntranse a todas as profundidades, en sedimentos de diferentes tipos, e en todas as latitudes.),[3]

O primeiro espécime foi recollido nos anos 1970, e descrito en 1983, cando o zoólogo danés Reinhardt Kristensen fudou o filo,[1] polo que se encontran entre os grupos de metazoos máis recentemente descubertos.[6]

Características

Estes animais teñen unha cabeza, na que se sitúa a boca, onde comeza o aparello dixestivo; a cavidade corporal comprende un pseudoceloma que remata no ano.

Todo o corpo está envolto por unha armadura denominada loriga, especie de casca externa protectora. Non teñen sistema circulatorio nin sistema endócrino. A súa reprodución é sexual, con sexos separados, e probabelmente son ovíparos. Moitas das larvas son acelomadas, e a maioría dos adultos son pseudocelomados, aínda que algunhas especies son acelomadas.[6]

O desenvolvemento é xeralmente directo, aínda que se coñecen larvas, denominadas larvas de Higgins, que difiren dos adultos en varios aspectos. Os seus ciclos vitais son moi complexos, e comprenden etapas pedoxenéticas con diferentes formas de reprodución partenoxenética.[4]

Imaxe ao microscopio óptico da especie Spinoloricus, aínda non descrita, coloreada con rosa Bengala.

No existen rexistros fósiles.

Afinidades taxonómicas

Estudos morfolóxicos situáronos no clado Vinctiplicata, dos Scalidophora, que reuniría aos loricíferos cos priapúlidos e sería clado irmán dos quinorroincos. Os tres filos teñen catro caracteres en común: cutícula quitinosa, aneis escamosos, flósculos e dos aneis que se poden retraer cara ao interior do corpo.[3][6]

Pero a monofilia deste clado está apoiada só por razóns morfolóxicas, e estudos moleculares recentes indican que os loricíferos poden estar máis estreitamente relacionados cos nematomorfos.[7]

Historia evolutiva

Pénsase que os loricíferos son descendentes en miniatura dun organismo máis grande, talvez similar aos Sirilorica, fósiles do cámbrico.[7] Porén, o rexistro fósil dun grupo de organismos microscópiocs non mineralizados é quizais (como era de esperar) escaso, polo que é difícil rastrexar a historia evolutiva do filo.

Clasificación

O filo dos loricíferos comprende unha soa clase, cunha única orde que comprende dúas familias con tres xéneros cada unha.

  • Clase Nanaloricea Anderson, 1992
    • Orde Nanaloricida Kristensen, 1983
      • Familia Pliciloricidae Higgins e Kristensen, 1986
        • Xénero Pliciloricus
        • Xénero Rugiloricus
        • Xénero Titaniloricus
      • Familia Nanaloricidae Kristensen, 1983
        • Xénero Nanaloricus
        • Xénero Armorloricus
        • Xénero Phoeniciloricus

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 Kristensen (1983): "Loricifera, a new phylum with Aschelminthes characters from the meiobenthos". Zeitschrift fuer Zoologische Systematik und Evolutionsforschung 21 (3): 163-180.
  2. Anderson, C. (1993): "Classification of organisms: living and fossil". Biosystems 31 (2-3): 99-109. Resumo
  3. 3,0 3,1 3,2 Heiner, I. (2005): "Preliminary account of the loriciferan fauna of the Faroe Bank (NE Atlantic)". Biofar Proceedings 2005: 213–219.
  4. 4,0 4,1 4,2 Gad, G. (2005): "Successive reduction of the last instar larva of Loricifera, as evidenced by two new species of Pliciloricus from the Great Meteor Seamount (Atlantic Ocean)", Zoologischer Anzeiger 243: 239–271.
  5. Ruppert, Edward E., Richard S. Fox e Robert D. Barnes (2004): Invertebrate Zoology. 7th ed. Toronto: Brooks/Cole — Thomson Learning.
  6. 6,0 6,1 6,2 Kristensen, R. M. (2002): "An Introduction to Loricifera, Cycliophora, and Micrognathozoa". Integrative and Comparative Biology 42: 641–651.
  7. 7,0 7,1 Peel, J. S. (2010): "A Corset-Like Fossil from the Cambrian Sirius Passet Lagerstätte of North Greenland and Its Implications for Cycloneuralian Evolution", Journal of Paleontology 84 (2): 332–340. Resumo

Véxase tamén

Bibliografía

  • Brusca, R. C. & G. J. Brusca (2005): Invertebrados. 2ª ed. Madrid: McGraw-Hill Interamericana de España. ISBN 978-84-486-0246-8.
  • Ruppert, Edward E.; R. Fox e R. D. Barnes (2004): Invertebrate Zoology. A Functional Evolutionary Approach. Pacific Grove (California): Brooks Cole. ISBN 0-03-025982-7.

Outros artigos

Ligazóns externas

Para o filo Loricifera

Para a clase Nanaloricidae