Gastrótricos

Gastrótricos
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
Superfilo: Protostomia
Filo: Gastrotrichia
Metschnikoff, 1864
Ordes
  • Macrodasyda
  • Chaetonotida

Os gastrótricos[1] (Gastrotricha, do grego γαστήρ gastér, "estómago", e θρίξ, τριχός thríx, trichós, pelo), así chamados por teren unha ringleira, ao longo da cara ventral do corpo, de cilios vibrátiles, simple ou dobre, de función locomotora, é un filo de animais pseudocelomados de pequenas dimensións (os maiores apenas alcanzan os 4 mm).

Viven en ambientes acuáticos, mariños ou dulciacuícolas, en intersticios dos sedimentos, onde se se alimentan de materia orgánica, sobre todo de bacterias, fungos e protozoos, sendo, por outra parte, pasto de anélidos, nematodos e artrópodos.

Coñécense entre 400 [2] e 450 especies,[3] aínda que algún autores elevan o número de especies descritas a 790.[4]

Características

Considéranse pseudocelomados, aínda que o seu pseudoceloma se encontre reducido ou ausente. A súa morfoloxía aseméllase á dos rotíferos, pero diferéncianse destes pola ausencia de coroa ciliada e farinxe trituradora e a presenza de pugas e espiñas.

Estrutura externa

Moitos gastrótricos teñen un tamaño microscópico oscilando entre os 50 a 1.000 µm, pero os membros dalgunhas especies poden acadar os 4 mm. O corpo ten aparencia alongada, nalgúns casos parecido a un bolígrafo, e adoita ser achatado pola parte ventral e arqueado pola dorsal.

Morfoloxía

Teñen o corpo deprimido e recuberto dunha cutícula que secreta a epiderme. Na zona ventral as células epidérmicas presentan numerosos cilios con función locomotora. Na zona posterior presentan unha glándula que secreta unha substancia para adherirse ao substrato.

Toda a superficie ventral pode ser ciliada, ou os cilios poden dispoñerse en franxas lonxitudinais, fileiras ou remendos transversais ou agruparse en cirros, como os dos ciliados hipotríquios.

Cabeza

Teñen unha cabeza anterior que porta os órganos sensoriais, o cerebro e a farinxe, ben como un tronco alongado que alberga o intestino medio e os órganos reprodutivos.

Tronco

Na parte posterior do tronco xeralmente encontramos dous ou máis órganos adhesivos, que teñen unha función de adhesión temporal ao substrato e conteñen sistemas glandulares duplicados, ou sexa, unha glándula viscosa unida a unha glándula de liberación.

Estrutura interna

A parede corporal está composta dunha cutícula externa, unha epiderme e faixas subxacentes de fibras musculares lonxitudinais e circulares. Os vermes son acelomados. A epiderme pola rexión ventral ciliada pode ser celular, como nos macrodasioideos, ou parcialmente sincitial, como na maioría dos quetonotoideos.

Nalgúns quetonotoideos, as células ciliadas sitúanse en dúas fileiras lonxitudinais. A musculatura pode ser transversal ou oblicuamente estriada, dependendo da especie. A musculatura circular permite a extensión do corpo na maioría das especies de Macrodasyda, que ten unha cutícula branda e flexíbel, mais en moitos Chaetonotida encóntrase ausente a musculatura de parede corporal circular, e a cutícula espesa antagónica os músculos lonxitudinais.

O movemento cara a fronte nos gastrótricos resulta do esvaramento ciliar uniforme. A acción muscular é importante nos movementos especializados, tales como as respostas de fuga, a actividade de procura e a cópula. Unha resposta de fuga pode ser unha rápida retirada para atrás da cabeza e do tronco ata unha conexión feita polo órgano adhesivo posterior ou por unha serie de movementos semellante aos dunha lagarta. Durante a cópula, os dous animais usan os músculos para retorcer as súas extremidades posteriores xuntas como se entrelazasen as puntas dos seus dedos indicadores.

A boca terminal ábrese directamente na farinxe, en algúns quetonotoideos, nunha pequena cavidade bucal revestida con cutícula. A parede farínxea componse principalmente de células mioepiteliais que sería un tubo muscular glandular e alongado.

Nos macrodasioideos, a farinxe ábrese primeiro ao exterior a través dun par de poros antes de xuntarse ao intestino medio. Este é un tubo cilíndrico celular que se afía para xuntarse ao ano posterior e ventral. Os gastrótricos aliméntanse de pequenas partículas orgánicas mortas ou vivas (tales como bacterias, diatomáceas e pequenos protozoarios), todas sendo aspiradas cara o interior da boca polo bombear da farinxe muscular.

A dixestión ocorre no intestino medio e é probabelmente unha combinación de procesos extra e intracelulares.

O sistema nervioso ten dous ganglios na parte posterior da farinxe dos que saen dous cordóns nerviosos a todo o corpo. Os gastrótricos teñen un cerebro pequeno e un par de nervios lonxitudinais; aquel está composto por dúas masas ganglionares conectadas dorsal e de xeito ventral, unha en cada lado da parte anterior da farinxe. Cada ganglio lateral orixina un cordón nervioso intraepidérmico que se estende lateralmente ao longo do corpo.

Posúen órganos sensoriais que inclúen as estruturas cerebrais das cerdas ciliares (mecanorreceptores), buracos ciliados, apéndices carnosos (quimiorreceptores) e ocelos ciliares simples (fotorreceptores). Presentan cámaras de aire para mellorar a súa respiración a través da parede do corpo O aparato excretor é protonefridial cun par de protonefridios.

Reprodución

Pode ser sexual (hermafroditas secuenciais) ou asexual (partenoxénese, con ovos resistentes a ambientes desfavorables). Ao contrario dos outros asquelmintos, os gastrótricos son hermafroditas. No Macrodasyda mariño, que se aproxima probabelmente do plano primitivo, existe un par de gónadas hermafroditas, cada cal cun testículo anterior e un ovario posterior. O aparato reprodutor feminino ten 1 ou 2 ovarios unidos a un útero que se continúa nun oviduto ata chegar á vaxina. O poro xenital estaría cerca do ano. O aparato reprodutor masculino, cando existe, está formado por 1 ou 2 testículos unidos por un espermiducto ao gonóporo, na rexión postero-ventral. Algunhas especies presentan un órgano peniforme. O órgano copulador entón funciona como un pene para transferir o esperma ao compañeiro de cópula. O esperma é entón almacenado dentro dun receptáculo seminal. Os ovos internamente fertilizados son liberados do corpo por ruptura.

Todas as especies teñen órganos reprodutivos accesorios complexos. O sistema masculino dos quetonotoideos de auga doce dexenerou tanto que todos os individuos son funcionalmente femias e reprodúcense partenoxeneticamente. Nos quetonotoideos partenoxenéticos de auga doce prodúcense dous tipos de ovos, que se unen ao substrato.

Os gastrótricos novos teñen a maior parte das estruturas adultas ao eclosionar e acadan a madurez sexual en tres días. O crecemento resulta primariamente no alongamento do tronco e na morfoxénese do sistema reprodutivo. O seu ciclo de vida pode variar de 3 a 40 días.

Distribución xeográfica

Os gastrótricos observáronse en varios países como: Italia, Noruega, Corea do Sur, Brasil, Israel, Exipto, Australia, USA, Francia, España, Croacia, Reino Unido e outros máis.

Clasificación

Taxonomía

O filo dos gastrótricos comprende unha soa clase dividida en dúas ordes:[5][6]

Filo Gatrotricha

  • Orde Macrodasyida
    • Familia Dactylopodolidae
    • Familia Lepidodasyidae
    • Familia Macrodasyidae
    • Familia Planodasyidae
    • Familia Thaumastodermatidae
    • Familia Turbanellidae
  • Orde Chaetonotida
    • Suborde Multitubulatina
      • Familia Neodasyidae
    • Subore Paucitubulatina
      • Familia Chaetonotidae
      • Familia Dasydytidae
      • Familia Dichaeturidae
      • Familia Neogosseidae
      • Familia Proichthydidae
      • Familia Xenotrhichulidae

Filoxenia

Descoñécese a relación entr os gastrótricos e outros filos. A morfoloxía suxire que están cerca dos gnatostomúlidos, os rotíferos ou os nematosos. Por outro lado, os estudos xenéticos sitúanos como parentes achegados dos platihelmintos, os ecdisozoos ou os lofotrocozoos. Constitúen un grupo monofilético. Guillaume Lecointre e Hervé Le Guyader clasificáronos ao lado dos ecdisozoos nun clado denominado Cuticulata, pero estudos recentes refutan esta hipótese, situándoos entre os espiralados (lofootroczoos).[7]

Como recoñecelos

Son animais de difícil identificación a simple vista, pois son microscópicos e o maior pode chegar a 4 mm. Observados ao microscopio electrónico pode identificarse unha parte do seu corpo sendo os patróns ciliares ventrais e os seus órganos adhesivos ou glándulas adhesivas as que dan unha forma diferente a unha das extremidades do corpo.

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para gastrótricos.
  2. Chapman, A. D. (2009):Numbers of Living Species in Australia and the World, 2nd edition. Australian Biodiversity Information Services ISBN (online) 9780642568618
  3. Brusca & Brusca (2005).
  4. Zhang, Z.-Q. (2011): "Animal biodiversity: An introduction to higher-level classification and taxonomic richness", Zootaxa 3148: 7–12. PDF
  5. Gastrotricha, en WoRMS.
  6. Gastrotricha Systemetics Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine. en Universidade de Módena. (en inglés).
  7. Petrov, N. B.; Pegova, A. N.; Manylov, O. G.; Vladychenskaya, N. S.; Mugue, N. S.; Aleshin, V. V. (2007-06). "Molecular phylogeny of Gastrotricha on the basis of a comparison of the 18S rRNA genes: Rejection of the hypothesis of a relationship between Gastrotricha and Nematoda". Molecular Biology (en inglés) 41 (3): 445–452. ISSN 0026-8933. doi:10.1134/S0026893307030107. 

Véxase tamén

Bibliografía

  • Brusca, R. C. & G. J. Brusca (2005): Invertebrados. 2ª ed. Madrid: McGraw-Hill Interamericana de España. ISBN 978-84-486-0246-8.
  • Frings, H. e Frings, M. (1975): Conceptos de Zoología. Madrid: Editorial Alhambra. ISBN 84-205-0505-6.
  • Grassé, P.-P., E. A. Poisson e O. Tuzet (1976): Invertebrados. (En Grassé, P.-P., Zoología, vol. 1). Barcelona: Toray-Masson. ISBN 84-311-0200-4.
  • Hickman, C. P., W. C. Ober e C. W. Garrison (2006): Principios integrales de zoología, 13ª ed. Madrid: McGraw-Hill Interamericana de España. ISBN 84-481-4528-3.
  • Meglitsch, P. A. (1986): Zoología de invertebrados, 2ª ed. Madrid: Ed. Pirámide. ISBN 84-368-0316-7.
  • Remane, A., Storch, V. e Welsch, U. (1980): Zoología sistemática. Clasificación del reino animal. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-0608-2.
  • Rupppert, E. E.; R. S. Fox & R. D. Barnes (2004): Invertebrate Zoology 7ª ed. Stamford, Connecticut (EE.UU.): Brooks/Cole. ISBN 0-03-025982-7.

Ligazóns externas