Manatí

Triquéquidos
Trichechidae
Manatís

Rango fósil: mioceno inferioractualidade

Manatí do Caribe (Trichechus manatus)
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Superclase: Tetrapoda
Clase: Mammalia
Infraclase: Placentalia (= Eutheria)
Superorde: Afrotheria
Orde: Sirenia
Familia: Trichechidae
Gill, 1872
Xénero: Trichechus
Linnaeus, 1758
Especies

A dos triquéquidos (Trichechidae) é unha familia de mamíferos placentarios da orde dos sirenios coñecidos vulgarmente como manatís,[1] e tamén como vacas mariñas, peixes muller e sereas (igual que a algúns pinnípedes, como focas e morsas), cos que gardan algunhas similitudes morfolóxicas, e cos que os mariñeiros antigos confudían).[2]

Na actualidade só sobrevive un xénero desta familia, Trichechus, con tres especies (ou catro, segundo algúns autores).

Son animais grandes e pesados, e de movementos lentos, apracíbeis, herbívoros, que viven en augas tropicais, e pasan a maior parte do seu tempo buscando e inxerindo as plantas ribeiregas e do leito mariño de augas pouco profundas, tanto salgadas, como salobres e doces , nas costas de América oriental e de África occidental, nos estuarios e nalgúns ríos tributarios destas augas.

Características

Manatís do Caribe nun acuario da Florida. Pódese observar ben a aleta caudar arredondadas destes animais.
Manatí alimentándose.
Manatí aleitando á súa cría.
Lámina de Johann Andreas Fleischmann (1811-1878) na que se representan as especies Sirenia latirostris ( hoxe Trichechus manatus) e Sirenia fluviatilis (hoxe Trichechus manatus latirostris).
Mapa de distribución das especies do xénero Trichchus:
En verde, T. manatus.
En vermello: T. inunguis.
En laranxa: T. senegalensis.

Os manatís teñen un corpo macizo, pero fusiforme. A pel é grosa e coriácea. As extremidades anteriores teñen forma de aleta, e as posteriores desapareceron e, para axudar na natación, desenvolveron unha cola plana e horizontal, de contorno arredondado, o que os diferencia do dugongo, que ten a aleta caudal falciforme (en forma de fouciño).

O labio superior está fendido no medio e presenta un bigote de longas sedas.

Poden permanecer baixo a auga durante vinte minutos, pastando plantas acuáticas, antes de emerxer á superficie para respiraren.

Viven en augas pouco profundas, o que os defende dos depredadores (como os tiburóns) que non se aventuran nestas augas. O seu único perigo represéntao o home, que antigamente cazaban estes animais pola súa carne, e tamén para aproveitar a graxa e a pel. Hoxe en día tamén están ameazados pola contaminación} do seu hábitat e polas feridas inflixidas polas hélices dos barcos.

Xusto debaixo da pel os manatís, como topdos os sirenios (e os cetáceos e pinnípedes), teñen unha grosa capa subcutánea de tecido adiposo vascularizado que lles serve como illante. En efecto, a auga conduce a calor 25 veces mellor que o aire á mesma temperatura.[3] e, sobre todo, ten unha capacidade calorífica moito máis alta, o que favorece o arrefriamento dos animais de sangue quente.

Taxonomía

A familia foi descrita en 1872 polo ictiólogo e paleontólogo estadounidense Theodore Gill, en Smithson. Misc. Coll., 11 (1): 14.[4]

En canto ao único xénero actual, a súa descrición débese ao naturalista sueco Carolus Linnaeus, en 1758, na 10ª edición do seu Systema Naturae.

Etimoloxía

O nome da familia, Trichechidae, está formado, como é habitual, sobre a base do nome de xénero tipo, Trichechus, á que se lle engade a desinencia do larín científico ´-idae, propia dos nomes das familias de animais.

O nome do xénero, Trichechus, é un composto formado polos elementos do latín científico trich-, tirado do grego antigo τριχός trichós, xenititivo de θρίξ thríx, "pelo",[5] e -echus, derivado do verbo grego έχω échō, "ter", facendo referencia aos pelos (sedas) que estes animnais teñen no labio superior.[6]

O nome vulgar manatí, é unha palabra de orixe taíno ou arauaco[7] que significa "peito", en referencia ás mamas que teñen as femias destes animais a carón das axilas, e que pasou aos idiomas europeos a través de castelán.[8]

Sinónimos

Ademais de polo nome válido, que é o ue orixinariamente lle adxudicou Gill, o grupo coñeceuse tamén polos seguintes sinónimos:[4]

  • Manatida Haeckel, 1866
  • Manatidae Gray, 1821
  • Manatina Bonaparte, 1837
  • ManatoideaGill, 1872
  • Trichechoidea Giebel, 1847
  • Trichecida Haeckel, 1866

Nota: como pode verse, non todos os autores lle outorgaban ao grupo o rango de familia.

Xéneros

Familia Trichechidae

Especies actuais

Na actualidade só sobreviven tres especies, as tres do xénero Trichechus:[4]

Xénero Trichechus Gill, 1872

  • Trichechus manatus Linnaeus, 1758, o manatí do Caribe ou antillano.
  • Trichechus inunguis Natterer, 1883 o manatí amazónico.
  • Trichechus senegalensis Link, 1795, o manatí africano.

Hai unha posíbel cuarta especie que habitaría no río Aripuaná, un afluente do Amazonas, no Brasil, un manatí anano dunha lonxitude de aproximadamente 1,3 m,[9] pero non foi definida de maneira válida e a opinión científica dominante é que estes animais non son máis que exemplares xuvenís do manatí amazónico.[10]

Galería de retratos das tres especies

Cría de manatí amazónico
Cría de manatí amazónico 
Manatí do Caribe
Manatí do Caribe 
Manatí africano
Manatí africano 

Notas

  1. manatí no dicionario da RAG.
  2. Ríos Panisse, Mª C. (1983): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. II. Mamíferos, aves y algas. Verba. Anexo nº 19. Santiago de Compostela. Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-281-0, pp. 10-13.
  3. Sara J. Iverson (2009): "Blubber", en W. F. Perrin, Bernd G. Würsig & J. G. M. Thewissen (eds.): Encyclopedia of Marine Mammals, 2nd ed. London: Academic Press. ISBN 978-0-12-373553-9.
  4. 4,0 4,1 4,2 Trichechidae en D. Wilson & D, Reeder, eds. (2005): MSW|Mammal species of the world: A taxonomic and geographic reference]], Vol. 2, Ed 3. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-8221-0.
  5. Cómpre recordar que, na formación de termos compostos no latín científico, se o primiero elemento é un substantivo, faise do xenitivo.
  6. trichecho, en: Nicola Zingarelli et al. (1996): Vocabolario della lingua italiana. 12ª ed. Bologna: Zanichelli. ISBN 88-08-16610-4.
  7. Linguas faladas polos indíxenas do Caribe.
  8. lamantino no Vocabolario de Zingarelli.
  9. Stern (25 de maio de 2005). "Biologe entdeckt Zwergseekuh". Consultado o 26 de xullo de 2009. 
  10. "Trials of a Primatologist". smithsonianmag.com. Arquivado dende o orixinal o 14 de outubro de 2009. Consultado o 15 de maio de 2008. 

Véxase tamén

Bibliografía

  • Berta, A.; J. Sumich & K. Kovacs (2005): Marine Mammals: Evolutionary Biology. Burlington, MA, USA: Academic Press.
  • Feldhamer, G.; L. Drickamer, S. Vessey, J. Merritt & C. Krajewski (2007): Mammalogy: Adaptation, Diversity, Ecology. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press.
  • Jefferson, T.; S. Leatherwood & M. Webber (1993): Marine mammals of the World. Roma: United Nations Environment Programme.
  • Jefferson, T.; M. Webber & R. Pitman (2008): Marine Mammals of the World: A Comprehensive Guide to their Identification. Londres: Academic Press.
  • Nowak, R. (2003): Walker’s Marine Mammals of the World. Baltimore, Maryland, USA: Johns Hopkins University Press.
  • Reeves, R.; B. Stewart, P. Clapham & J. Powell (2002): Sea Mammals of the World. Londres: A & C Black.
  • Reynolds, J. & D. Odell (1991): Manatees and Dugongs. Nova York, NY: Facts on File Inc.
  • Ridgway, S. & R. Harrison (1985): Handbook of Marine Mammals: Volume 3: The Sirenians and Baleen whales. Londres: Academic Press.
  • Self-Sullivan, C. (2006): "Evolution of the Sirenia".
  • Vaughan, T.; J. Ryan & N. Czaplewski (2011): Mammalogy. Sudbury, MA. USA: Jones and Bartlett Publishers.

Outros artigos

Ligazóns externas