Museo Numismático de Atenas
Museo Numismático de Atenas Νομισματικό Μουσείο Αθηνών | |
---|---|
![]() Fachada principal do Museo Numismático de Atenas | |
![]() | |
Coordenadas | 37°58′40″N 23°44′07″L / 37.9778, 23.7354 |
País | Grecia |
Cidade | Panepistimiou Street |
Director | Giorgos Kakavas |
Inauguración | 1838 |
Na rede | |
http://www.nummus.gr/ | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
O Museo Numismático de Atenas (en grego: Νομισματικό Μουσείο Αθηνών) é unha das institucións museísticas máis importantes de Grecia, que aloxa unha das coleccións máis completas do mundo de moedas antigas e modernas.[1]
O museo ten a súa sede na que foi a mansión do arqueólogo Heinrich Schliemann (1822-1890), coñecida como "Palacio de Llion" (Ιλίου Μέλαθρον -Iliou Melathron-).[2]
Historia
A primeira tentativa de elaborar unha colección estatal produciuse pouco despois da independencia de Grecia en Exina. Aquela primitiva colección foi enriquecida a través de diversas escavacións, compras e doazóns.
O museo propiamente dito fundouse en 1838, na mesma época que o Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas, aínda que cumpriu o paso de varios anos e a publicación dunha regulación específica para que ambas as institucións chegasen a ser totalmente independentes, nunha primeira etapa en 1893 e, posteriormente, a partir de 1965.
Inicialmente, a colección formaba parte da Biblioteca Nacional de Grecia e estaba aloxada no edificio principal da Universidade de Atenas, onde se exhibiu ao público por vez primeira. En 1946, a colección foi trasladada á sede do Museo Arqueolóxico Nacional e, finalmente, en 1984 decidiuse levala á súa situación actual, na que se estableceu en 1998 logo das oportunas obras de acondicionamento.[3][4]
O edificio Iliou Melathron
O edificio de tres andares Iliou Melathron, que acolle o Museo Numismático, atópase na rúa Panepistimiou (Οδός Πανεπιστημίου; "Rúa da Universidade"), preto da coñecida praza Syntagma. Foi construído entre 1878 e 1880 para Heinrich Schliemann, baixo a dirección do afamado arquitecto Ernst Ziller.[5][6][7]
Na época da súa construción, considerouse como a residencia privada máis abraiante de Atenas, cun deseño exterior de inspiración tanto neorenacentista como neoclásica, mentres que o interior amosa influencia da arquitectura de Pompeia. Os cuartos están decorados con mosaicos e murais que representan temas da Guerra de Troia e motivos gregos.
En 1927, a viúva de Heinrich Schliemann, Sofía, vendeulle o edificio ao Estado Grego, que o dedicou inicialmente á sede do Consello de Estado e posteriormente á do Tribunal de Casación.[8]
O uso do edificio como tribunal de xustiza ocasionoulle moitos danos, que obrigaron a sometelo a unha importante renovación para poder albergar o Museo Numismático; entre outras cousas, restauráronse os mosaicos e os murais.[9]
Finalmente, a colección numismática foi inaugurada na parte restaurada do edificio en 1998 e non acabou de estar totalmente visitable ata 2007.[10][11]
Coleccións
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/5/53/Numismatics_Museum_in_Athens.jpg/240px-Numismatics_Museum_in_Athens.jpg)
A colección do museo componse de 600.000 obxectos, principalmente moedas aínda que tamén medallas, pesas padrón, cuños, selos e outros, desde o século -XIV a. de C. ata os tempos actuais. A disposición da colección ten unha orientación cronolóxica. O museo posúe unha importante colección de moedas desde o século VI a. de C. ata o século V d. de C., como as das cidades-Estado gregas e as dos períodos helenístico e romano. Tamén cómpre salientar as coleccións bizantinas e medievais de Europa Occidental, do Oriente e do Imperio Otomán.[12][13]
Unha gran parte da colección está constituída por moedas procedentes de achados arqueolóxicos, e o resto provén da colección inicial de Exina e de diversas doazóns e adquisicións.[14]
O museo aloxa tamén unha biblioteca de 12 000 libros especializados no estudo da da moeda, ademais dun laboratorio para a conservación dos obxectos expostos e custodiados.[15][16]
Directores do museo
- Andreas Moustoxydis (1829-1832)
- Christian Giede (1834-1836)
- Loudovikos Ros (1836-1837)
- Kyriakos Pittakis (1837-1842)
- Georgios Gennadios (1842-1843)
- Georgios Kozakis (1843-1856)
- Achilleas Postolakas (1856-1888)
- Ioannis N. Svoronos (1890-1922)
- Georgios Oikonomos (1923-1928)
- Konstantinos Konstandopoulos (1928-1940)
- Ioannis Miliadis (1940)
- Irini Varoucha-Christodoulopoulou (1940-1963)
- Mando Oeconomides (1964-1994)
- Ioannis Touratsoglou (1994-2002)
- Despina Evgenidou (desde 2002)
Galería de imaxes de obxectos expostos
-
Decadracma de Siracusa.
-
Moedas tolemaicas de prata e de ouro.
-
Moedas bizantinas de ouro.
Notas
- ↑ "Numismatic Museum of Athens Arquivado 08 de outubro de 2018 en Wayback Machine.". En www.museeum.com
- ↑ Stylianakos Korrés, G. "Iliou Melathron - Heinrich Schliemanns Wohnpalais in Athen". En Heinrich-Schliemann-Museum.
- ↑ "The History of the Numismatic Museum". No sitio web oficial do museo.
- ↑ "Numismatic Museum Iliou Melathron". En Athens Info Guide.
- ↑ "Iliou Melathron". En Archeology of the City of Athens: Contemporary Monuments Database.
- ↑ "Heinrich Schliemann". No sitio web oficial do museo.
- ↑ "Ernst Ziller". No sitio web oficial do museo.
- ↑ Damaskos, D. "Der zweite Palast von Troja Schliemanns Wohnhaus in Athen als Numismatisches Museum". En Der Tagesspiegel. 25 de abril de 1999.
- ↑ "Conservation works". No sitio web oficial do museo.
- ↑ "The Iliou Melathron". No sitio web oficial do museo.
- ↑ "The Iliou Melathron". No sitio web oficial do museo.
- ↑ "The Permanent Exhibition". No sitio web oficial do museo.
- ↑ "Numismatic Museum of Athens". En Numista.
- ↑ "Acquisitions 1994-2000. Donations-Sponsorships-Bequests". No sitio web opficial do museo.
- ↑ "The Library". No sitio web oficial do museo.
- ↑ "The Numismatic Museum Conservation Lab". No sitio web oficial do museo.
Véxase tamén
Outros artigos
- Lista de museos numismáticos
- Moeda da Antiga Grecia
- Moeda bizantina
- Heinrich Schliemann
- Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas
Bibliografía
- The First Century of the Numismatic Museum 1829-1922. Museo Numismático. Atenas, 1988.
- Kokkas, P.; Nikolaou, Y. Modern Coin Hoards of the Numismatic Museum. 15th - 20th Century. Museo Numismático. Atenas, 2005.
- Papageorgiadou, H. Athens Numismatic Museum. The Zarifis Donation. Museo Numismático. Atenas, 2006. ISBN 9789608684652
- Touratsoglou, I. (1999). "The Numismatic Museum of Athens Arquivado 08 de outubro de 2020 en Wayback Machine.". En Compte Rendu. 46. International Numismatic Council. Páxinas 69-73.
Ligazóns externas
- Sitio web oficial
- "Numismatic Museum Arquivado 08 de outubro de 2018 en Wayback Machine.". The Athens Key.
- "Numismatic Museum of Athens, Grrece". En Money Museum.
- "Numismatic Museum of Athens". En www.introducingathens.com