Ducado de Borgoña
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Capital | Dijon | ||||
Poboación | |||||
Relixión | Igrexa católica | ||||
Datos históricos | |||||
Creación | 880 | ||||
Disolución | 1477 (Gregoriano) | ||||
O Ducado de Borgoña foi un dos estados máis importantes da Europa medieval, que foi practicamente independente entre 880 e 1477.
Non debe ser confundido co condado de Borgoña, outro territorio de Francia.
A partir de 1006, o ducado foi un apanaxe (feudo concedido a un príncipe, en compensación de que só o primoxénito herdaría a coroa) gobernado sucesivamente por dúas liñaxes de sangue real, Capetos directos e Valois.
Como consecuencia do matrimonio do duque Filipe II o Atrevido con Margarida de Flandres, os Valois-Borgoña deron tal extensión ás súas posesións nos Países Baixos entre 1363 e 1477 que fixo que pretenderan converter ao seu Estado borgoñón nun estado independente. Porén, este crecemento tan rápido conduciu á formación dunha coalición encabezada pola Confederación Suíza e o duque de Lorena que infrinxiu unha serie de derrotas ao último duque Carlos o Temerario, quen finalmente encontrou a morte baixo as murallas de Nancy.
A Borgoña propiamente dita converteuse incluso nun Goberno e unha Xeneralidade do reino de Francia. O seu territorio correspondía principalmente aos actuais departamentos de:
- Côte-d'Or, con Dijon e Beaune,
- Saona e Loira (Saône-et-Loire), con Chalon-sur-Saône,
- e unha parte de Yonne, con Auxerre.
O seu territorio aumentaría coa adición de Bresse e do Bugey, cando Savoia cedeu a Henrique de Borbón, rei de Francia e de Navarra, as súas posesións na beira dereita do Ródano.
En canto ás posesións dos duques de Borgoña nos Países Baixos, foi Carlos V, neto de Carlos o Termerario, quen fará deles unha entidade política independente.
Grazas á súa riqueza e vasto territorio, o ducado foi tanto política como economicamente moi importante. Tecnicamente eran vasalos do rei de Francia, pero os duques de Borgoña souberon manter unha política propia.
Historia
As primeires casas ducais
A repartición da antiga Burgundia entre Francia e Xermania
O ducado de Borgoña foi un dos herdeiros da antiga Burgundia merovinxia, que rexurdiu con ocasión dos numerosos repartimentos carolinxios. Ao fío das guerras aparecen e coexisten o reino de Borgoña, o ducado de Borgoña e o condado de Borgoña.
En 841 aparece o título de dux Burgundiae potentissimus, que levaba o conde Guerín, un comandante militar.
Os repartimentos de 843 en Verdún, de 855 en Prüm e de 870 en Meerssen foron a orixe da separación perdurábel dos territorios en Borgoña occidental (ducado) e oriental (condado): as terras ao oeste dos ríos Saona e Ródano son para Carlos o Calvo, e as do leste para Lotario.[1]
Creación do condado: os Bosónidas (898-952)
En 879, Bosón da Provenza, conde de Vienne e de Autun, convértese en rei. As súas posesións abarcaban gran parte da antiga Borgoña. Pero o rei da Francia Occidental Carlomán II, apoiado polo propio irmán de Bosón, Ricardo I de Borgoña, chamado Ricardo o Xusticeiro, reduciu o seu reino á Provenza.
Ricardo convértese en Conde de Autun en 883. En 887, á morte de Bosón, herdou os condados de Troyes e de Nevers. En 894, o rei Odón I de Francia concédelle o título de marqués. En 898, conquista o condado de Sens. Isto foi o comezo do ducado de Borgoña.
Contra 918, titúlase como dux, así que foi o primeiro duque de Borgoña (un dos seis pares laicos primitivos de Francia) reunindo entón os condados de Autun, Nevers e Auxerre. Os condes e os bispos de Brienne, Chalon, Beaune, Troyes e Langres, sitúanse baixo a súa autoridade no contexto das invasións normandas.[2] Funda así a primeira dinastía dos duques de Borgoña, a dos Bosónidas (898-952).
O ducado Robertino (956-1002) e Capeto (1006-1361)
Os Robertinos dispútanlle o ducado de Borgoña á familia do rei Raúl desde 936.
Hugo o Grande (943-956) obtén do rei de Francia Lois IV o ducado de Borgoña despois de que os seus fillos Otón (956-965) e Henrique (965-1002), irmáns de Hugo Capeto, o sucederan. O ducado foi retido enseguida por Roberto o piadoso, fillo de Hugo Capeto, que llo outorgou ao seu terceiro fillo Roberto, cuxos descendentes constitúen até 1361 unha rama secundaria da dinastía dos Capetos (primeira casa Capeto de Borgoña).
Desde 1363 a 1482 serían outros Capetos, unha rama secundaria dos Valois, os que reinarían no ducado.
Formación e apoxeo do Estado borgoñón: A dinastía Valois-Borgoña
- Artigo principal: Estado borgoñón.
En 1363, Filipe o Atrevido, cuarto fillo do rei Xoán II de Francia, recibiu do seu pai o ducado de Borgoña como feudo. En 1369 Filipe casou coa condesa Margarida III de Flandres, herdeira do condado palatino de Borgoña, e tamén dos condados de Artois, Flandres, Nevers e Rethel. E así, en 1384, titulouse deste xeito:
Philippe, fils du roy de France, duc de Bourgoingne, conte de Flandres, d'Artois et de Bourgoingne palatin, de Nevers, de Retel, sire de Salins et de Malines.[3]
Filipe, fillo do rei de Francia, duque de Borgoña, conde de Flandres, de Artois e palatino de Borgoña, de Nevers, de Rethel, señor de Salins e de Malinas.
Inaugurouse así unha política matrimonial seguida polos seus sucesores, que construíron o Estado borgoñón. En 1385 Filipe casou aos seus fillos Xoán sen Medo e Margarida con senllos fillos do duque Alberte I de Baviera, tamén conde de Holanda (con Frisia), de Zelandia e de Hainaut, preparando así a unión dinástica ao Estado borgoñón.
Tras a derrota de Agincourt, en 1415, Xoán sen Medo, contrario aos armagnac, aproximouse aos ingleses, do que resultou o seu asasinato nunha entrevista co delfín Carlos. Sucedeuno finalmente o seu fillo Filipe o Bo, que completou a súa alianza cos ingleses polo tratado de Troyes (1420), no que se desherdaba ao delfín en beneficio do fillo do rei de Inglaterra, o futuro Henrique VI; desta maneira foise conformando o poder e a influencia que tiñan os territorios rexidos polo duque de Borgoña.
En 1421 Filipe III titulábase «Filipe, duque de Borgoña, conde de Flandres, de Artois e palatino de Borgoña, señor de Salins e de Malinas».[3] Durante a guerra dos Cen Anos, Filipe III herdou de varios primos e apropiouse de varios territorios nos Países Baixos: incorporou ao ses dominios Namur, por compra, en 1429; os condados de Hainaut, Holanda (co señorío de Frisia) e Zelandia, en 1432, por conquista; os ducados de Brabante e de Limburgo, en 1430, por herdanza; e o ducado de Luxemburgo, en 1443, por compra, aínda que dita operación non foi recoñecida até 1467 por Isabel de Austria, esposa de Casimiro IV de Polonia e Lituania.
Estas adquisicións foron confirmadas no tratado de Arrás (1435) por Carlos VII de Francia a cambio de recoñecelo como rei de Francia fronte ás aspiracións inglesas, o cal manifesta a influencia e poder territorial do duque de Borgoña dentro de Francia.
Filipe o Bo morreu en 1467, e os títulos do seu fillo Carlos o Temerario, en 1467, reflicte ben o crecemento do poder territorial da dinastía borgoñoa:[4]
Charles, par la grace de Dieu, duc de Bourgoingne, de Lothier, de Brabant, de Lembourg, et de Lucembourg, comte de Flandres, d'Artois, de Bourgoingne palatin, de Haynnau, de Hollande, de Zellande et de Namur, marquis du Saint Empire, seigneur de Frise, de Salins et de Malines.
Carlos, pola graza de Deus, duque de Borgoña, da Baixa Lorena, de Brabante, de Limburgo e de Luxemburgo, conde de Flandres, de Artois, de Borgoña, de Hainaur, de Holanda, de Zelandia e de Namur, marqués do Santo Imperio, señor de Frisia, se Salins e de Malinas.[3]
O duque Carlos o Temerario lanzouse a unha política de creación dun reino borgoñón, para o que intentou procurar a vinculación entre as terras propiamente borgoñoas ("pays de par-delà") e as terras neerlandesas do norte ("pays de par-deça"). Isto levouno a unha confrontación co rei Lois XI de Francia, que se intensificou a partir da humillación que lle infrixiu co tratado de Péronne de 1468; por outra parte, en 1473, nun encontro en Tréveris co emperador Frederico III, para concertar o matrimonio da súa filla María co fillo de Frederico III, Maximiliano, intentou ser coroado rey,[5] pero as negociacións interrompéronse bruscamente, quizais debido ás intrigas do rei de Francia,[6] non sen antes recoñecer a Carlos a investidura dos ducados de Güeldres e de Zutphen.
A pesar de non conseguir o título de rei, Carlos proseguiu a súa política expansiva conquistando os territorios que separaban as dúas zonas (ambas as Borgoñas ao sur, e Flandres ao norte). A súa loita contra as cidades alsacianas e a ocupación da Lorena, propiciou a unión dos seus veciños na Liga de Constanza e, coa neutralización dos ingleses polo tratado de Picquigny (1475), foi derrotado e morto na batalla de Nancy, en xaneiro de 1477.[7]
O ducado pasou á coroa francesa e dous anos máis tarde Xoán II de Francia concedeulle o título ao seu fillo máis pequeno, Filipe. Filipe casou con Margarida III de Flandres e a través desta unión o ducado de Borgoña uniuse ao Condado de Flandres, Artois, Nevers, Rethel e aos ducados de Brabante e de Limburgo.
A última duquesa da Borgoña independente foi María de Borgoña, que casou con Maximiliano I, arquiduque de Austria e futuro emperador do Sacro Imperio. Nas capitulacións matrimoniais estipulouse que o seu segundo fillo sería quen herdase os territorios maternos pero María faleceu nun accidente de cabalo antes de que iso acontecese. Logo desta traxedia, o ducado de Borgoña foi incorporado a Francia, mentres que os outros territorios do Estado borgoñón (os Países Baixos) pasaron á Casa dos Austria.
Lista de duques
Bosónidas
- 880-921: Ricardo I o Xusticeiro, primeiro duque de Borgoña (creado por Lois III)
- 921-923: Raúl I, fillo do anterior. En 923, converteuse en rei de Francia e cedeu o ducado ao seu irmán.
- 923-952: Hugo o Negro, irmán do anterior.
- 952-956: Xilberto de Chalon.
Robertinos
- 956-965: Otón Henrique, fillo de Hugo o Grande, casou con Xerberga de Chalon, filla e herdeira de Xilberto de Chalon.
- 965-1002: Henrique I o Grande, irmán do anterior.
- 1002-1004: Otón Guillerme, conde palatino de Borgoña, neto do anterior.
Dominio Real (1004-1032)
Roberto II o Piadoso, rei de Francia, sobriño de Otón Henrique e de Henrique I. Conquistou o ducado de Borgoña e incorporouno ao dominio real.
Sucedeuno o seu fillo Henrique quen, para terminar a revolta do seu irmán Roberto, outorgoulle o ducado de Borgoña, de forma similar a un apanaxe, en 1032 a cambio de renunciar as súas pretensións ao trono francés, orixinándose así unha rama menor da dinastía capeta, a Casa de Borgoña.
Casa de Borgoña (Capetos)
- 1032-1076: Roberto I o Vello, fillo do rei Roberto II o Piadoso e irmán do rei Henrique I.
- 1076-1079: Hugo I, neto do anterior.
- 1079-1102: Odón I Borrel, irmán do anterior.
- 1102-1143: Hugo II o Pacifico, fillo do anterior.
- 1143-1162: Odón II, fillo do anterior.
- 1162-1192: Hugo III, fillo do anterior.
- 1192-1218: Odón III, fillo do anterior.
- 1218-1272: Hugo IV, fillo do anterior.
- 1272-1306: Roberto II, fillo do anterior.
- 1306-1315: Hugo V, fillo do anterior.
- 1315-1349: Odón IV, irmán do anterior.
- 1349-1361: Filipe I, neto do anterior.
Dominio Real (1361-1363)
Á morte prematura do duque Filipe I sen descendencia, sucedeulle o seu primo Xoán II o Bo, rei de Francia, segundo a proximidade de sangue, xa que segundo a primoxenitura correspondeulle a Carlos II de Navarra, pero a nobreza borgoñoa tamén sopesou as alianzas e influencias de ambos na guerra dos Cen Anos. En 1363, Xoán II outorgou en apanaxe ao seu fillo Filipe.
Dinastía de Valois-Borgoña
- 1364-1404: Filipe II o Atrevido, fillo do rei de Francia Xoán II;
- 1404-1419: Xoán I Sen Medo, fillo do anterior;
- 1419-1467: Filipe III o Bo, fillo do anterior;
- 1467-1477: Carlos I o Temerario, fillo do anterior.
Despois de 1477
Logo da morte sen descendencia masculina de Carlos o Temerario na Batalla de Nancy, o rei Lois XI apoderouse do ducado de Borgoña e anexionouno ao dominio real, en base a que as apanaxes se regulamentaran de forma que ao esgotarse a descendencia masculina debían incorporarse á Coroa.
Pero María, a filla do duque Carlos o Temerario, casou co futuro emperador Maximiliano I de Habsburgo para defender a súa herdanza, e non aceptou a perda do ducado, mantendo así a intitulación de duque de Borgoña, como fixeron tamén os seus descendentes os reis de España, debido ao prestixio que outorgaba ao seu titular o ser Gran Mestre e Xefe Soberano da Orde do Vélaro de Ouro.
Tanto é así que na paz de Cambrai (1529) o emperador Carlos V, neto de María e Maximiliano, renunciaba ao territorio específico do ducado de Borgoña pero non ao título.
Duques titulares de Borgoña (título dos Habsburgo)
Os Habsburgo continuaron reclamando o ducado de Borgoña, en balde, e recoñeceron a súa perda (paz de Cambrai, 1529, tratado de Cateau-Cambrésis, 1559 e tratado de Nimega, 1678).
Pero seguiron manténdose como duques titulares.
- 1477-1482: María de Borgoña, duquesa titular de Borgoña, filla de Carlos o Temerario, e esposa de Maximiliano I de Habsburgo, emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico.
- 1482-1506: Filipe I o Fermoso, rei de Castela e duque titular de Borgoña, fillo da anterior.
- 1506-1555: Carlos I, emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, rei de España e duque titular de Borgoña, fillo do anterior.
- 1555-1598: Filipe II, rei de España e Portugal, e duque titular de Borgoña, fillo do anterior.
- 1598-1621: Isabel Clara Euxenia e Alberte de Austria, duques titulares de Borgoña, filla e xenro do anterior.
- 1621-1665: Filipe IV, rei de España e Portugal, e duque titular de Borgoña, sobriño dos anteriores e neto de Filipe II.
- 1665-1700: Carlos II, rei de España e duque titular de Borgoña, fillo do anterior. Tras a paz de Nimega, desarticulouse definitivamente a herdanza territorial dos Valois borgoñones.
- Os reis de España como sucesores seguiron mantendo a titulación como mero prestixio.
Duque de Borgoña (título francés)
Título do Antigo Réxime
O título foi outorgado polo rei de Francia aos príncipes, e a priori aos primoxénitos do Delfín:
- 1682-1711: Lois de Francia (1682-1712), duque de Borgoña, fillo de Lois de Francia, chamado o Gran Delfín, e neto de Lois XIV. Era o pai de Lois XV e converteuse en Delfín en 1711.
- 1751-1761: Lois de Francia (1751?1761), duque de Borgoña, primoxénito de Lois de Francia, delfín, e neto de Lois XV. Era irmán máis vello de Lois XVI.
Título de cortesía
- 1950-1975: Afonso de Borbón e Dampierre, neto de Xaime Henrique de Borbón, duque de Anjou e de Segovia, tomou do seu pai o título de duque de Borbón e de Borgoña. En 1975, á morte do seu pai, adxudicouse o título de duque de Anjou.
Notas
- ↑ J. Richard (1978), p. 106.
- ↑ J. Richard (1978), pp. 110-112.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Titles of European hereditary rulers: Burgundy
- ↑ Charles the Bold Last Duke Of Burgundy, 1433-1477, Ruth Putnam (1908)
- ↑ Memorias de la Real Academia de la historia, Tomo VI (1821)
- ↑ Das kommt mir Spanisch vor, Klaus Herbers & Nikolas Jaspert (2004)
- ↑ "Historia de Francia, Guillaume de Bertier de Sauvigny (1977)". Arquivado dende o orixinal o 20 de xullo de 2014. Consultado o 15 de xullo de 2014.
Véxase tamén
Bibliografía
- Jean Richard (dir.) (1978): Histoire de la Bourgogne. Éditions Privat. ISBN 978-2-7089-1680-7.
- Bertrand Schnerb (2005): L'État bourguignon. Perrin. ISBN 978-2-262-02360-7.
Outros artigos
Ligazóns externas
- Árbore xenealóxica dos Duques de Borgoña, (en inglés)
- Frankish Kingdom of Burgundy The History Files (en inglés).
- Franche-Comté Anne Radeff Dictionnaire historique de la Suisse en liña, versión do 8 de maio de 2007 (en francés).
- The Catholic Encyclopedia:Burgundy