Centauro (constelación)

Centaurus
Centaurus
Nome latino Centaurus
Abreviatura Cen
Xenitivo Centauri
Simboloxía O Centauro
Ascensión recta 13 h
Declinación −50°
Área 1060 graos cadrados

Rango 9º

Número de estrelas

(magnitude < 3)

10
Estrela máis brillante Alpha Centauri (α Cen)

(magnitude ap. −0.01)

Choiva de meteoros
  • Alpha Centauridas
  • Omicron Centauridas
  • Theta Centauridas
Constelacións

lindeiras

Visible en latitudes entre +30° e −90°

Mellor visibilidade ás 21:00 (9 p.m.) durante o mes de Maio

Centaurus, ou Centauro,[1] é unha extensa constelación que se atopa ó norte de Crux e no extremo norte da Vía Láctea. Rodea a Cruz do Sur formando unha das máis ricas e fermosas constelacións do ceo.

Características notables

En Centaurus atópase Proxima Centauri, a estrela coñecida máis próxima ó Sol, situada a 4,22 anos luz de distancia. É unha anana vermella moito menos luminosa có Sol e unha estrela fulgurante. Alpha Centauri, a cuarta estrela máis brillante do firmamento nocturno, é unha estrela binaria coa que Proxima Centauri parece estar gravitacionalmente ligada, formando un sistema estelar triplo. β Centauri, chamada Hadar ou Agena, é outra estrela na constelación de primeira magnitude.

Estrelas principais

  • α Centauri (Rigil Kentaurus ou Toliman), estrela de magnitude 0, a cuarta máis brillante do ceo que se atopa a tan só 4,4 anos luz da Terra. É un sistema estelar triplo cunha estrela secundaria que pode se vista cun telescopio de mediana apertura. A terceira compoñente denominase Próxima Centauri, unha anana vermella cun vinteavo do diámetro solar a 4,2 anos luz do Sol.
  • β Centauri (Hadar ou Agena), segunda estrela máis brillante da constelación con magnitude 0,61 e a undécima máis brillante do ceo. É unha xigante azul a 525 anos luz de distancia, ten unha compañeira difícil de observar.
  • γ Centauri, estrela dobre visual cunhas compoñentes que son dúas estrelas brancas de igual brillo. Para a súa visualización requírese un telescopio de coma mínimo 15 centímetros de apertura.
  • δ Centauri, de magnitude 2,60 é unha estrela variable Gamma Cassiopeiae.
  • ε Centauri, estrela azul quente de magnitude 2.29, é unha variable Beta Cephei cunha variación de apenas 0,02 magnitudes.
  • ζ Centauri, de magnitude 2,55 é unha estrela binaria espectroscópica.
  • η Centauri, estrela branco-azulada Be cun disco circumestelar ó redor. É tamén unha variable Gamma Cassiopeiae.
  • θ Centauri (Menkent), con magnitude 2,06 é a terceira estrela máis brillante da constelación. A diferenza doutras estrelas da constelación que son branco-azuladas, Menkent é unha xigante laranxa a 61 anos luz da Terra.
  • ι Centauri, estrela branca de magnitude 2,75 a 59 anos luz do noso planeta. O igual que Vega, posúe un disco circumestelar ó seu redor.
  • κ Centauri, estrela branco-azulada cunha feble compañeira de magnitude 11 a 3,9 segundos de arco.
  • 1 Centauri, subxigante branco-amarela e binaria espectroscópica.
  • R Centauri, variable Mira cun brillo que oscila entre magnitude 5,3 e 11,8 nun período de 546,2 días.
  • T Centauri, variable semirregular ó norte da constelación cunha magnitude varía entre 5,90 e 9,0.
  • V Centauri, variable cefeida cunha magnitude que oscila entre 6,40 e 7,20 nun ciclo de 5 días e 11 horas.
  • HR 4523 (HD 102365), estrela binaria a 30,1 aos luz, composta por unha anana amarela e unha anana vermella.
  • HR 4796 (HD 109573), estrela binaria nova onde se detectou un disco protoplanetario ó redor da estrela principal.
  • HD 113766, tamén un sistema binario cun disco quente de po ó redor dunha das estrelas.
  • Gliese 438, anana vermella a 27,4 anos luz da Terra.
  • Estrela de Przybylski (HD 101065), a estrela peculiar máis extrema cunhas anomalías químicas que permanecen sen explicación.

Obxectos Notables do espazo profundo

  • Omega Centauri (NGC 5139). AR: 13h 26m 48.0s Dec: -47°29'00" (Época 2000). Cúmulo globular. Visible a simple vista coma un parche difuso, espectacular con telescopios pequenos e binóculos. Conten máis dun millón de estrelas.
  • NGC 5253. AR: 13h 39m 54.0s Dec: -31°39'00" (Época 2000). Galaxia brillante.
  • NGC 5128. AR: 13h 25m 30.0s Dec: -43°01'00" (Época 2000). Galaxia xigante. A súa magnitude é 7. É ademais unha poderosa fonte de radio chamada Centaurus A.
  • NGC 3918, nebulosa planetaria de magnitude 8,1. Atópase a uns 3.000 anos luz da Terra.
  • NGC 5307, nebulosa planetaria máis distante (a uns 10.000 anos luz) de magnitude 11,2.
  • Nebulosa Boomerang, protonebulosa planetaria cunha temperatura de 1 K que a converte no obxecto coñecido máis frío do universo.

Mitoloxía

A constelación de Centaurus e Crux.

Crono, tentou seduci-la súa sobriña, a ninfa Fílira. Ela, para escapar do seu acoso, transformouse en egua, pero Crono, astutamente, converteuse en cabalo e uniuse a ela. Desta unión naceu Quirón, con corpo e patas de cabalo pero torso e brazos de home.

Quirón foi abandonado polos seus pais e viviu no monte Pelión. Educou a grandes heroes coma Aquiles, Asclepio e Xasón. Foi ferido accidentalmente por Heracles cunha das súas frechas envelenadas co sangue da Hidra. Quirón, ó ser inmortal, non morreu pero tampouco podía sandar, ata que intercambiou con Prometeo a inmortalidade. Noutra versión, porén, a frecha que feriu accidentalmente a Quirón produciulle directamente a morte e Zeus colocouno entre as constelacións.

Notas

  1. Cambados Márquez, Xoaquín Evaristo. "Algunhas notas referentes ó nome galego estándar das constelacións" (PDF). Consultado o 12 de outubro de 2016. 

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas