Exeria (escritora)

Exeria
Nacementoséculo IV
Lugar de nacementoGallaecia
Falecementovalor descoñecido
NacionalidadeRoma Antiga
RelixiónIgrexa católica
OcupaciónFreira, poeta, traveler, peregrino e escritora
Coñecida porItinerario de Exeria
editar datos en Wikidata ]
Manuscrito da Viaxe de Exeria na exposición Galicia, un relato no mundo

Exeria,[1] coñecida tamén como Egeria, Echeria e Eteria, foi unha muller da Idade Antiga coñecida pola súa obra Itinerarium Egeriae, na que narra unha viaxe a Terra Santa. Todo parece indicar que naceu na Gallaecia, «nas ribeiras máis afastadas do océano occidental», segundo documentos do século IV, aínda que como se perdeu a primeira parte da súa obra non son poucos os autores que sitúan a súa terra de orixe na Aquitania francesa. Non obstante, estudos actuais sitúana como orixinaria do Bierzo.[2]

Vida

Portada do libro The Pilgrimage of Etheria, nunha tradución de 1919 por M. L. McClure e C. L.

Algúns autores considerárona parente de Aelia Flacilla, primeira muller de Teodosio o Grande. Aimé Lambert avanzou unha hipótese segundo a cal se trataría da irmá de Gala, de quen fala San Xerome como parella de Prisciliano. Esta hipótese e a súa calidade de muller independente e audaz, así como a súa orixe galaica, serviron como base a algúns autores para adscribila ao movemento priscilianista.

Templo de Luxor, porta de entrada: estatuas sedentes de Ramsés II, na antiga Tebas, visitada por Exeria.

A súa obra Itinerarium Egeriae narra a viaxe que realizou ao Oriente Próximo entre os anos 381 e 384 (datas aceptadas máis comunmente),[3] que lle outorga a consideración de primeira escritora hispana en lingua latina.[4] Atravesou o sur de Galia (hoxe Francia) e o norte da Península Itálica; cruzou en barco o mar Adriático. Sábese que chegou a Constantinopla no ano 381. De aí partiu a Xerusalén e visitou Xericó, Nazaret e Cafarnaúm. Partiu de Xerusalén cara ao Exipto no ano 382, visitou Alexandría, Tebas, o mar Vermello e o Sinaí. Visitou logo Antioquía, Edesa, Mesopotamia o río Éufrates e Siria desde onde regresou vía Constantinopla. Non hai constancia da data, do lugar, nin das circunstancias da súa morte[3].

Oriente Próximo, obxecto das súas viaxes.

Crese que formou parte dunha comunidade relixiosa da que até chegou a ser abadesa, pese a que outros autores (como Hagith Sivan, 1988) precisan que nesa época era común entre os cristiáns dirixírense entre eles como "Irmás" e "Irmáns". De feito existen bastantes indicios que levan a suxerir que non era unha monxa, como por exemplo: a súa liberdade para facer unha peregrinación tan longa e para trocar os seus plans durante a viaxe, o alto custo do seu peregrinar, o seu nivel educativo, e que na súa obra se centrou nas vistas e lugares e non nos milagres e feitos relixiosos como outros documentos que se conservan de monxes daquela época.

Procedente dunha familia acomodada, gozou de plena autonomía para tomar as súas propias decisións. Dentro do grupo -nutrido para a época- de mulleres que no século IV realizaban peregrinacións a Terra Santa, Exeria destacou por escribir un minucioso relato no que describe o itinerario da súa viaxe e as súas impresións e que pasou á historia como o primeiro libro de viaxes galego.[5]

No seu manuscrito amósase como unha viaxeira chea de insaciable curiosidade, énchese de comentarios entusiastas sobre as paisaxes, os edificios famosos, os montes escarpados e os fértiles vales. Por exemplo, con motivo da ascensión do monte Sinaí, comenta "a ascensión de estes montes faise cun esforzo inmenso, xa que non se soben aos poucos, en espiral, senón que se sobe todo dereito, como ao longo

A obra

Este manuscrito latino está redactado en latín vulgar, tal como era falado naquela época, o que foi de grande utilidade para poder estudar a transición do latín clásico ao tardío; e está escrito en letra beneventana, composto de 37 pregos divididos en dúas partes. É copia dun documento redactado contra finais do século XI, no que na segunda parte se conserva a metade do texto feito por unha muller da que xa había noticias do ano 680 polo monxe Valerio do Bierzo,[6] que coñeceu os seus méritos. Este fora redactado no mosteiro de Montecassino, e trasladado a Arezzo por Ambrosio Restellini, abade de Montecassino desde o ano 1599 ao 1602. En 1801, Napoleón clausurou este mosteiro, trasladándose gran parte do seu arquivo á biblioteca do Palacio da Irmandade dos Laicos en Arezzo (Toscana)[5] onde, en 1884, o Codex Aretinus foi atopado por Gian Francesco Gamurrini. Na actualidade, o manuscrito consérvase no museo da cidade de Arezzo.

Gamurrini atribuíu o relato a Silvia de Aquitania, irmá de Rufino de Aquitania, mencionada por Paladio na súa Historia Lausíaca, de quen se coñecía unha peregrinación similar á relatada por Constantinopla, Exipto e Xerusalén. Durante case vinte anos consolidouse a hipótese de Silvia, ou Silvina como autora do texto, ata que no ano 1903 Marius Férotin publica un estudo na Revista de Cuestiones Históricas atribuíndo o mesmo á virxe hispana Exeria.[7] Existe outra referencia que permite encher algunhas das lagoas dos primeiros folios ausentes do manuscrito: o Liber de locis sanctis de Pedro Diácono,[3] quen tamén menciona a peregrina galega.

Grazas á Pax romana unha cidadá do imperio podía viaxar desde Gallaecia até Mesopotamia. Isto sucedía entre os anos 381 e 384.

A obra, coñecida como Itinerarium Egeriae, chegou ata nós incompleta -falta a primeira parte, co título, e a última- e foi escrita en Constantinopla. Considerada unha obra clave para coñecer o latín vulgar que se falaba na época e que amais ofrece unha valiosísima información sobre a sociedade e a liturxia do momento, o Itinerarium ou Peregrinatio ad loca sancta recolle a viaxe desde as nosas terras a Constantinopla e Xerusalén, á Capadocia e á Tebaida no Alto Exipto, as praias do mar Vermello e as caeiras do Sinaí. Os monxes dos lugares que visitou recibírona como unha celebridade da época e as autoridades expedíanlle salvocondutos para salvagardar a súa seguridade.

O Itinerarium foi publicado polo propio autor do achado por vez primeira no ano 1887. Os relatos foron escritos, posiblemente, entre os anos 393 e 396, do que se deduce a importancia documental do testemuño naqueles anos do primeiro cristianismo, xa que a obra é moi prolífica na explicación de detalles relacionados coa liturxia.

En 1991 o latinista Xosé Eduardo López Pereira traduciu por primeira vota a obra ao galego so o título de Exeria. Viaxe á Terra Santa..

Recoñecemento

En 2009 a Xunta de Galicia deulle o seu nome a unha aplicación informática para facilitar a linguaxe non sexista, Exeria.net.[8] En 2018 foi proposta pola Universidade de Vigo para nomear un dos seus edificios no campus das Lagoas-Marcosende.[9][10] En 2020 o Concello de Santiago de Compostela anunciou que dedicará unha praza a Exeria na cidade.[11]

Notas

  1. "Exeria". Diciopedia do século 21 I. Edicións do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 861. 
  2. Almazán, Vicente (1999). Galicia: breviario para o galego ausente. Vigo: Galaxia. p. 45. ISBN 84-8288-319-4. 
  3. 3,0 3,1 3,2
  4. "Exeria, peregrina, escritora e precursora da cultura galega". Exeria.info. Arquivado dende o orixinal o 18/11/2022. Consultado o 21/11/2022. 
  5. 5,0 5,1 Cultura, Secretaría Xeral de. "Nova: O 'itinerario de Exeria' únese á 'Galicia, un relato no mundo'". www.cultura.gal. Consultado o 2021-05-13. 
  6. Epístola Ad fratres Bergidensis, cf. Flórez, XVI, 391-416; PL 87,439-456
  7. Férotin 1903, pp. 367-397.
  8. Noya, Raquel. "Nace Exeria, unha ferramenta para empregar o galego de xeito non sexista". Consultado o 4 de maio de 2018. 
  9. "Os edificios administrativos do campus terán nome de muller". DUVI. 5 de outubro de 2018. Consultado o 10 de outubro de 2018. 
  10. "Exeria, Ernestina Otero e Filomena Dato xa dan nome a tres edificios da Universidade de Vigo". Praza Pública. 22 de abril de 2019. Consultado o 23 de abril de 2019. 
  11. "O Concello de Santiago dedicará unha praza a Exeria a escritora peregrina da Gallaecia do século IV". Historia de Galicia. 2020-12-20. Consultado o 2020-12-20. 

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas