Fogueiro
Fogueiro | |||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Melanogrammus aeglefinus | |||||||||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||||
Vulnerable | |||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||
Melanogrammus aeglefinus (Linnaeus, 1758) |
O fogueiro[1] ou burro[2] (Melanogrammus aeglefinus, Linneo 1758) é un peixe mariño semellante ó bacallau, propio de ambas as dúas costas do océano Atlántico. Pertence á familia dos gádidos.
Características
É de corpo alongado e fusiforme, coa cabeza relativamente pequena. Normalmente alcanza tamaños de 60–70 cm, pero pode superar o metro de lonxitude. O peso habitual rolda os 300-500 gramos.[3]
A cor é verdosa ou gris polo lombo, aclarándose até o abrancazado cara ao ventre, cunha mancha negra característica á altura da aleta pectoral. Liña lateral definida, de cor escura, basicamente recta. Como corresponde á familia dos gádidos, presenta tres aletas dorsais e dúas anais. A queixada inferior é máis curta que a superior.
Morfoloxicamente é semellante ó bacallau (Gadus morhua) ou ó abadexo (Pollachius pollachius). Diferénciase deste último pola presenza de barbiñas (das que carece o abadexo), pola liña lateral recta (no abadexo está curvada por riba da aleta pectoral) e pola mancha escura sobre a aleta pectoral (ausente no abadexo).
Hábitat e distribución
Trátase dun peixe demersal, oceanódromo, gregario,[4] propio de augas frías do norte de Europa (entre os 2 e os 10 °C). A frota galega captúrao nos caladoiros de Irlanda e Gran Sol, utilizando artes de arrastre. No ano 2009, as capturas totais poxadas nas lonxas galegas ascenderon a 101.703 kg [1] sendo a media anual desde 2010 ata febreiro de 2022 de 152.500 kg.
Habita en profundidades entre os 10 e os 200 m, aínda que pode chegar ós 450 m, sobre fondos areosos ou rochosos. Como resulta habitual, os exemplares xuvenís adoitan manterse en augas superficiais, mentres que os adultos prefiren augas máis profundas. Aliméntase de pequenos peixes e crustáceos.
Está considerado pola IUCN como vulnerable.
Usos culinarios
Sendo menos apreciado có bacallau, é unha especie moi popular no norte de Europa, Escocia ou Islandia, estendéndose desde o Cantábrico ó Báltico. En España adoita comercializarse conxelado.
Inclúese dentro dos peixes brancos polo seu baixo contido en graxa. Achega proteínas de alto valor biolóxico, vitaminas (sobre todo do grupo B) e minerais (fósforo e potasio).
Do lombo dos exemplares grandes obtéñense pezas carnosas que se poden cociñar no forno, rebozadas ou grelladas. Os exemplares pequenos cómense fritidos ou afumados. Tamén pode presentarse seco e salgado.
No Reino Unido, chámano haddock e adoita consumirse servido como Fish and Chips: rebozado e frito, acompañado de chícharos e patacas fritas. Tamén se comercializa aberto ó longo, limpo e afumado, presentación que se coñece como smoked haddock.
Notas
- ↑ Tamén pode atoparse na bibliografía baixo o castelanismo carboeiro.
- ↑ https://www.pescadegalicia.gal/]
- ↑ Tallas máximas comprobadas (Fish Base): 112 cm e 16,8 kg de peso.
- ↑ Demersal designa os peixes que viven cerca do fondo do mar pero non permanentemente; oceanódromo, que realizan migracións nas augas mariñas; gregario, que se agrupa en grandes bancos.
Véxase tamén
Bibliografía
- DIRECCIÓN XERAL DE FORMACIÓN PESQUEIRA: Guía do consumidor de peixe fresco. Xunta de Galicia 1999.
- ZUDAIRE, Maite e YOLDI, Gema (2005): Pescados y mariscos. Eroski Publicaciones, Elorrio (Biscaia).