Perseus

Perseus
Perseus
Nome latino Perseus
Abreviatura Per
Xenitivo Persei
Simboloxía Perseo
Ascensión recta 3 h
Declinación 45°
Área 615 graos cadrados

Rango 24º

Número de estrelas

(magnitude < 3)

5
Estrela máis brillante α Per (Mirfak)

(magnitude ap. 1.79)

Choiva de meteoros
Constelacións

lindeiras

Visible en latitudes entre +90° e −35°

Mellor visibilidade ás 21:00 (9 p.m.) durante o mes de decembro

Perseus ou Perseo[1] é unha constelación do norte e representa a Perseo, heroe mitolóxico que decapitou a Medusa. É unha das 48 constelacións de Tolomeo así coma unha das 88 constelacións modernas. Nela está a famosa variable Algol (β Persei), e nela acontece a chuvia de meteoros das Perseidas.

Estrelas principais

  • α Persei (Mirfak ou Algenib), supergigante amarela de magnitude 1,79, o astro máis brillante da constelación a 590 anos luz.
  • β Persei (Algol), representa o ollo da Medusa. É prototipo de todo un grupo de estrelas variables eclipsantes. A súa magnitude aparente varía entre 2,12 e 3,39 nun período de 2,87 días. É unha estrela branco-azulada.
  • γ Persei, de magnitude 2,91 é un sistema estelar múltiple; as súas dúas principais compoñentes son unha xigante amarela e unha estrela branca.
  • ε Persei (Adid Australis), de magnitude 2,98, estrela branco-azulada.
  • ζ Persei (Menkib), a terceira estrela máis brillante de magnitude 2,84, unha superxigante branco-azulada a 980 anos luz.
  • η Persei (Miram), xigante laranxa de magnitude 3,76.
  • ι Persei, estrela amarela coma o Sol a 34 anos luz da Terra.
  • ξ Persei (Menchib), estrela de tipo espectral O. Pensase que é a que ilumina a nebulosa NGC 1499.
  • ο Persei (Atik), binaria espectroscópica de magnitude 3,83.
  • ρ Persei (Gorgonea Tertia), de magnitude variable entre 3,3 e 4,0, xigante vermella e variable semirregular.
  • τ Persei, binaria eclipsante, onde durante a eclipse de dous días de duración a súa magnitude baixa de 3,93 a 4,07.
  • 53 Persei (d Persei), estrela de magnitude 4,81 prototipo das estrelas B pulsantes lentas.
  • X Persei, de magnitude variable de 6,1 a 7, é un sistema binario formado por unha estrela azul quente e unha estrela de neutróns.
  • GK Persei (Nova Persei 1901), nova descuberta no ano 1901.
  • HD 17092, xigante laranxa onde se descubriu un planeta extrasolar.

Obxectos notables de espazo profundo

Perseus.
  • h + χ Persei, dous cúmulos abertos (NGC 869 e NGC 884 respectivamente) dos máis fermosos que se poden observar con binóculos e pequenos telescopios. Atópanse a máis de 7.000 anos luz e están separados entre si varios centos de anos luz.
  • M34, de magnitude aparente 5,5, consta dunhas 100 estrelas dispersas nunha área maior ca da lúa chea. O seu diámetro real é duns 14 anos luz. M34 pódese ver con binóculos, pero é preferible utilizar un telescopio con poucos aumentos.
  • M76, nebulosa planetaria tamén chamada Nebulosa Dumbell Pequena ou Nebulosa Bolboreta, mide 65 arcsec e o seu brillo aparente é de 10,1.
  • NGC 1499, tamén chamada Nebulosa California, é unha nebulosa de emisión, difícil de ver a simple vista.
  • NGC 1333, unha nebulosa de reflexión e lugar de formación de estrelas.
  • NGC 1260, galaxia espiral que conten un dos obxectos máis brillantes do universo, SN 2006gy.
  • NGC 1275, conxunto de dúas galaxias distintas, unha diante da outra.
  • Radiogalaxia 0402+379, onde se descubriron dous buratos negros supermasivos orbitando entre si a só 24 anos luz.

Visualización gráfica

Diagrama do xeito alternativo de conecta-las estrelas da constelación Perseus.

As estrelas da constelación Perseus poden ser conectadas dun xeito alternativo.

O corpo de Perseus está formado polas estrelas β Per, κ Per, ι Per, α Per, σ Per, ν Per, e ε Per. α Per e β Per son de segunda magnitude. A estrela ε Per é de terceira magnitude.

As estrelas α Per, γ Per, τ Per, e ι Per forman a cabeza de Perseus: gamma Persei é de terceira magnitude. As estrelas γ Per, η Per, e τ Per forman o pucho (ou a cúspide do casco).

As estrelas α Per, ψ Per, δ Per, 48 Per, μ Per, e λ Per forma o brazo e man esquerda de Perseus: sendo δ Per de terceira magnitude.

As estrelas ι Per, θ Per, e φ Per forma o brazo e a man dereita. A man dereita de Perseus, φ Per, está tirando dun dos pés de Andrómeda (51 Andromedae), tentándoa de liberala. (Despois de liberala, casaría con ela.)

As estrelas ε Per, ξ Per, ζ Per, e ο Per forma a perna e o pé esquerdo de Perseus: sendo ζ Per de terceira magnitude.

Finalmente as estrelas β Per, ρ Per, 16 Per (con π Per) forma o pé e a perna dereita de Perseus.

Mitoloxía

Perseus era un semideus fillo de Zeus e da mortal Dánae. Unha das súas máis coñecidas fazañas foi a de dar morte á gorgona Medusa, que tiña o poder converter en pedra a calquera só coa súa mirada. Utilizando o escudo de bronce de Atenea coma espello, partiu a cabeza de Medusa e fixo brotar o seu sangue da que naceu o cabalo alado Pegasus.

A constelación de Perseus representa a un guerreiro armado có casco de Hades, o escudo de Atenea, a espada e os talares de Hermes; que porta na súa man a cabeza de Medusa, o ollo da mesma é representado pola estrela Algol.

No esquema celeste, Perseus é incluído no conxunto que engloba a Cepheus, Cassiopeia, Andrómeda, Pegasus e Cetus.

Notas

  1. Cambados Márquez, Xoaquín Evaristo. "Algunhas notas referentes ó nome galego estándar das constelacións" (PDF). Consultado o 12 de outubro de 2016. 

Véxase tamén

Ligazóns externas