Monoceros

Monoceros
Monoceros
Nome latino Monoceros
Abreviatura Mon
Xenitivo Monocerotis
Simboloxía O Unicornio
Ascensión recta 7.15 h
Declinación −5.74°
Área 482 graos cadrados

Rango 35º

Número de estrelas

(magnitude < 3)

0
Estrela máis brillante α Monocerotis

(magnitude ap. 3,93)

Choiva de meteoros
  • Monoceridas de Decembro
  • Alpha Monoceridas
Constelacións

lindeiras

Visible en latitudes entre +75° e −85°

Mellor visibilidade ás 21:00 (9 p.m.) durante o mes de febreiro

Monoceros ou Unicornio[1] é unha constelación difusa no ceo nocturno invernal, rodeada por Orión ó leste, Gemini ó norte, Canis Major ó sur e a constelación Hydra cara ó oeste. Outras constelacións limítrofes son Canis Minor, Lepus e Puppis.

Estrelas Principais

  • α Monocerotis (Lucida), de magnitude visual 3,93, unha estrela xigante amarelo-laranxa a 144 anos luz.
  • β Monocerotis, impresionante sistema estelar triplo formado por tres estrelas branco-azuladas de magnitudes 4,7, 5,2 e 6,1, visibles coa axuda dun pequeno telescopio. William Herschel descubriunas no 1781 e comentou que son "unha das máis fermosas visións no firmamento".[2]
  • γ Monocerotis, de magnitude 3,98, tamén xigante laranxa, pero moito máis afastada que α Monocerotis.
  • R Monocerotis, estrela variable inmersa nunha nube de materia, situada no extremo sur da nebulosa NGC 2261.
  • S Monocerotis (15 Monocerotis), distante estrela azul que forma parte de NGC 2264.
  • T Monocerotis, variable cefeida cunha magnitude que varía entre 5,58 e 6,62 nun ciclo de 27 días.
  • V0645 Monocerotis (28 Monocerotis), variable do tipo FK Comae Berenices.
  • V700 Monocerotis (MWC 147), estrela Herbig Ae/Be de 500.000 anos de idade.
  • V838 Monocerotis, estrela que estourou no ano 2002, situada a uns 20.000 anos luz de distancia.
  • Estrela de Plaskett (HR 2422), un dos sistemas binarios máis masivos dos que se ten coñecemento.
  • HD 52265, anana amarela análoga ó Sol ó redor da que se descubriu un xigante gasoso.
  • HD 46735, estrela subxigante laranxa cun planeta extrasolar do tipo Xúpiter quente.
  • Estrela de Luyten, anana vermella a só 12,37 anos luz de distancia.
  • Ross 614 (V577 Monocerotis), anana vermella tamén nas proximidades do sistema solar.
  • Gliese 250, estrela binaria a 28,4 anos luz, composta por unha anana laranxa e unha anana vermella.

Obxectos Notables do espazo profundo

  • Cúmulo aberto M50, a uns 3000 anos luz.
  • Nebulosa Rosette (NGC 2237-9,46), unha nebulosa difusa, xunto ó cúmulo aberto NGC 2244, ás súas estrelas formáronse a partir do material da nebulosa.
  • Cúmulo Árbore de Nadal e Nebulosa Cono (NGC 2264), ambos obxectos están asociados e atópanse a uns 2600 anos luz.
  • NGC 2346, nebulosa planetaria en forma de bolboreta.

Historia

Monoceros é unha constelación moderna, o seu nome atribúeselle ó astrónomo e teólogo holandés Petrus Plancius no 1613 e foi rexistrada por Jakob Bartsch coma Unicornio na súa carta estelar de 1624. Porén, Heinrich Wilhelm Olbers e Ludwig Ideler indican que a constelación é moito máis antiga, figurando coma "o segundo cabalo ó sur dos Xemelgos e o Cangrexo" en escritos do 1564, e Joseph Scaliger subliña tela atopado nunha esfera da antiga Persia.

Notas

  1. Cambados Márquez, Xoaquín Evaristo. "Algunhas notas referentes ó nome galego estándar das constelacións" (PDF). Consultado o 12 de outubro de 2016. 
  2. Monoceros. The internet Encyclopedia of Science

Véxase tamén

Ligazóns externas