Corvus (constelación)

Para corvo, véxase Corvo (homónimos).
Corvus
Corvus
Nome latino Corvus
Abreviatura Crv
Xenitivo Corvi
Simboloxía O Corvo
Ascensión recta 12 h
Declinación −20°
Área 184 graos cadrados

Rango 70º

Número de estrelas

(magnitude < 3)

2
Estrela máis brillante γ Crv (Gienah)

(magnitude ap. 2.59)

Choiva de meteoros
Constelacións

lindeiras

Visible en latitudes entre +60° e −90°

Mellor visibilidade ás 21:00 (9 p.m.) durante o mes de maio

Corvus ou Corvo[1] é unha constelación austral menor, con só 11 estrelas visibles ó ollo humano, situada entre Virgo e Crater, e por riba de Hidra. Para formar o nome das súas estrelas úsase o xentitivo, Corvi. Exemplo: γ Corvi é a estrela gamma do Corvo.

As súas estrelas γ Corvi (Gienah Gurab, en árabe) e δ Corvi (Algorab), serven de indicadoras para atopar a Espiga (Spica ou α Virginis). Mentres que δ, γ, ε, e β forman o asterismo da vela (por recordar unha vela cadrada (en realidade trapezoidal) antiga.

Observación das súas estrelas

Localización da constelación

Aínda que a constelación é pequena, é bastante visible, e a súa forma é moi característica, que recorda unha antiga vela cadrada. Pódese reparar facilmente nela, ao sur de α Virginis (ou Spica, a Espiga).

Estrelas principais

  • α Corvi (Alchiba), con magnitude 4,02 é só a quinta máis brillante da constelación.
  • β Corvi (Kraz), a segunda máis brillante con magnitude 2,65, unha estrela xigante amarela.
  • γ Corvi (Gienah Gurab), a máis brillante con magnitude 2,58, unha estrela branco-azulada. Pertence ó grupo das estrelas de mercurio-manganeso e atópase a 165 anos luz.
  • δ Corvi (Algorab), de magnitude 2,94 é unha estrela dobre fácil de observar. A compoñente máis feble é unha estrela moi nova, con só 110 millóns de anos de idade.
  • ε Corvi (Minkar), estrela xigante laranxa de magnitude 3,02.
  • ζ Corvi, estrela Be de magnitude 5,20; forma unha binaria óptica con outra estrela situada a 11,2 segundos de arco.
  • η Corvi, estrela de magnitude 4,31 cun disco circumestelar ó redor semellante ó de Vega (α Lyrae).
  • 3 Corvi, estrela branca de magnitude 5,46.
  • R Corvi, estrela variable tipo Mira, cun brillo que oscila entre magnitude 6,7 e 14,4 nun período duns dez meses.
  • VV Corvi, estrela cuádrupla, variable eclípsante semellante a Algol (β Persei).

Obxectos Notables do espazo profundo

  • NGC 4038 e NGC 4039, dúas galaxias en interacción coñecidas coma Galaxias Antennae. Situadas ó oeste da constelación, 4º ó sueste de Gienah Gurab (γ Corvi).
  • NGC 4361, nebulosa planetaria dunha lixeira cor azulada.

Mitoloxía

Na mitoloxía grega, o corvo foi enviado por Apolo a buscar auga na súa copa (Crater), pero o corvo tardou en volver porque estivera esperando a que madurara un figo cerca da fonte. Trouxo a copa (Crater) e unha serpe de auga entre as súas poutas e díxolle a Apolo que se atrasara porque a serpe lle tiña atacado. Apolo, sabedor de que o corvo mentía, puxo ós tres no ceo: condenou ó corvo a estar sedento para sempre, pois aínda que a copa está preto, a serpe non lle permite beber.

Notas

  1. Cambados Márquez, Xoaquín Evaristo. "Algunhas notas referentes ó nome galego estándar das constelacións" (PDF). Consultado o 12 de outubro de 2016. 

Véxase tamén

Ligazóns externas