Joseph John Thomson
Sir Joseph John Thomson, nado en Cheetham Hill, Reino Unido, o 18 de decembro de 1856 e finado en Cambridge o 30 de agosto de 1940, foi un físico británico, premio Nobel de Física en 1906.
Traxectoria
Nacido no 1856 en "Cheetham Hill, Manchester", Reino Unido. Estudou no Owens College (hoxe parte da Universidade de Manchester) e no Trinity College, da Universidade de Cambridge. Nesta institución ensinou matemáticas e física, foi profesor de física experimental no laboratorio de Cavendish, e reitor do Trinity College (1918-1940). Tamén foi presidente da Royal Society (1915-1920) e profesor de filosofía natural da Institución rexia de Gran Bretaña (1905-1918).
En 1906 Thomson recibiu o Premio Nobel de Física polo seu traballo sobre a condución da electricidade a través dos gases. Considéraselle o descubridor do electrón polos seus experimentos co fluxo de partículas (electróns) que compoñen os raios catódicos. Teórico e experimentador, Thomson elaborou en 1898 o modelo "pastel de ameixas" da estrutura atómica, na que sostiña que os electróns eran como 'ameixas' negativas incrustadas nun 'pudding' de materia positiva. En 1908 foi nomeado sir.
Foi pai de George Paget Thomson, Premio Nobel de Física en 1937, sendo o único caso de dúas xeracións nunha familia, a máis de Marie Curie e Pierre Curie coa súa filla Irène_Joliot-Curie.