En 1938 graduouse na Facultade de Ciencias Físicas da Universidade Estatal de Moscova. Defendeu a súa candidatura ao grao de doutor (PhD) en 1940 e a súa tese doutoral en 1942. Dende 1940 pertenceu ao Instituto Lébedev de Física de Moscova da Academia Rusa de Ciencias, sendo entre os anos 1971 e 1988 sucesor de Ígor E. Tamm á fronte do Departamento Teórico. Dende 1945 foi profesor a tempo parcial da Universidade Estatal de Gorkii, e dende 1968 do Instituto de Física e Tecnoloxía de Moscova. Foi elixido membro estranxeiro de nove Academias de Ciencias (ou institucións equivalentes) como a Real Sociedade de Londres (1987), a Academia Nacional Americana de Ciencias (1981) e a Academia Americana de Artes e Ciencias (1971).
É autor de varios centos de artigos científicos e máis dunha ducia de libros. Os seus eidos de traballo inclúen a materia condensada, a física de plasmas e a astrofísica. En materia condensada destacan as súas contribucións á teoría da supercondutividade (teoría de Ginzburg-Landáu), transicións de fase, e ferroelectricidade. Na física de plasmas, á teoría de propagación de ondas, emisión sincrotrón, e radiación de transición; e en astrofísica, unha teoría sobre a orixe dos raios cósmicos, e a teoría de emisión de radio dos púlsares. Nos anos cincuenta viuse involucrado no proxecto soviético da bomba de hidróxeno.